A Xunta completa as obras de cambio da cuberta do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo, nas que investiu 453.600 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que a actuación suporá unha mellora no illamento do edificio principal do centro educativo

Mondoñedo (Lugo), 21 de outubro de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP finalizou as obras de cambio da cuberta do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo, nas que investiu 453.600 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, que suporá unha mellora no illamento e na eficiencia enerxética no edificio principal do centro educativo.

A obra consistiu na demolición da anterior cuberta, que estaba deteriorada; e na  construción dunha nova cun volume a catro augas similar ao anterior. Está instalada sobre unha unha estrutura portante lixeira de madeira e protexida cunha lámina impermeabilizante transpirable. O revestimento é de lousa.

A intervención completouse coa substitución do sistema de recollida de augas pluviais, mediante a colocación de novos canlóns e baixantes.

Arias destacou que as actuacións forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Xunta, que inclúe grandes actuacións xunto con obras de menor envergadura pero necesarias para o funcionamento diario dos centros. Os traballos intensifícanse no verán, para interferir o mínimo posible no desenvolvemento do curso escolar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2025