Medio Rural avanza na derradeira fase para a celebración das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais deste 2025
A titular deste departamento visitou hoxe o Pazo de Quián, onde están a desenvolverse as catas finais para escoller as elaboracións premiadas neste certame
María José Gómez sinalou que as Catas de Galicia son unha oportunidade de especial relevancia para promocionar a “excelente calidade” deste tipo de producións con certificación de orixe
En total, están a degustarse 445 mostras de viño e 40 de bebidas espirituosas tradicionais pertencentes a máis de 172 empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas
Boqueixón (A Coruña), 21 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe o Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón, onde está a levarse a cabo a última fase de catas de cara á celebración das Catas de Viños, Licores e Augardentes Tradicionais deste 2025.
Gómez explicou que dende hoxe ata o xoves están a desenvolverse as catas finais da meirande parte das categorías premiadas neste certame. As degustacións iniciais de augardentes e licores tradicionais celebráronse onte e, a semana pasada, as das categorías de viños con denominación de orixe protexida. Polo tanto, estase xa a piques de finalizar todos os procesos necesarios para celebrar a gala final cos viños e licores gañadores nas vindeiras semanas, nun evento no que poder enxalzar a calidade das elaboracións galegas que “nos definen cultural, territorial e economicamente”, resaltou a titular de Medio Rural.
Neste sentido, a conselleira afirmou que as Catas de Galicia son unha oportunidade de especial relevancia para promocionar a “excelente calidade” dos viños, augardentes e licores con certificación que se elaboran na comunidade, “incidindo na súa peculiaridade e celebrando a gran personalidade” destas producións con certificación de orixe galega. Cómpre lembrar que só neste eido a comunidade conta con ata 14 indicativos de calidade.
As mostras que se están a catar estes días comezaron a recollerse o pasado 30 de setembro e pertencen a máis de 172 empresas acollidas ás denominacións de orixe e ás indicacións xeográficas protexidas. Son, en total, 445 mostras de viño e 40 de bebidas espirituosas tradicionais. Cabe sinalar que para poder seleccionar as mellores elaboracións lévase a cabo un rigoroso proceso de pre-cata, ou selección previa, e cata final, no que as mostras son completamente anónimas.
Xa para finalizar, a conselleira agradeceu o traballo dos membros do panel e dos catadores, desexoulle boa sorte a todos os participantes e lembrou que elaborar viños e augardentes baixo as certificacións galegas “é xa unha boa mostra da profesionalidade dos produtores e da calidade dos seus produtos”.