A Xunta licita por máis de 24.000 euros a compra de 22 pulsioxímetros para o Programa galego de cribado neonatal de cardiopatías conxénitas críticas

O cribado de patoloxías conxénitas críticas forma parte do Programa galego para a detección precoz de enfermidades xenéticas, endocrinas e metabólicas, co obxectivo de mellorar o prognóstico e a calidade de vida dos recén nados

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 4 de novembro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a contratación, por un importe de 24.357 euros, de 22 pulsioxímetros para o Programa galego de cribado neonatal de cardiopatías conxénitas críticas, no Marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.

Os pulsioxímetros son dispositivos médicos non invasivos que miden a saturación de osíxeno no sangue así como a frecuencia cardíaca.

O cribado de patoloxías conxénitas críticas forma parte do Programa galego para a detección precoz de enfermidades xenéticas, endocrinas e metabólicas, co obxectivo de mellorar o prognóstico e a calidade de vida dos recén nados.

Secundariamente, tamén permite identificar hipoxemias (nivel baixo de osíxeno en sangue) que se produzan por outros motivos que igualmente poden ser graves: problemas respiratorios, hipertensión pulmonar, sepse, etc.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 4 de novembro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 21/10/2025