O Sergas publica a resolución provisional do concurso de traslados aberto e permanente de 2025 para as categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

Neste ciclo de adxudicación resultaron admitidos 3.313 profesionais, sendo provisionalmente adxudicatarios de destino 1.225 aspirantes

Un total de 613 profesionais obteñen o primeiro destino solicitado neste concurso, o que supón unha porcentaxe do 50 % de participantes

Tamén resultan adxudicatarios un total de 179 profesionais que participan desde unha praza en propiedade fóra do sistema público de saúde de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución provisional do Servizo Galego de Saúde do ciclo de adxudicación do concurso de traslados aberto e permanente, correspondente ao ano 2025, para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, coa excepción das categorías de médico de familia de atención primaria e facultativo especialista de atención primaria, das cales xa se publicou a resolución a semana pasada.

Este é o oitavo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, o que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais.

Tendo en conta os datos das categorías publicadas a pasada semana, resultaron admitidos neste concurso de traslados 3.313 profesionais pertencentes a un total de 78 categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos. 

Así, provisionalmente adxudícanse 1.225 destinos, o que supón unha porcentaxe de preto do 37 % sobre o total de admitidos. Neste concurso de traslados foron ofertadas máis de 8.000 prazas.

A categoría con maior número de participantes é a de enfermería, con 1.431 persoas admitidas, das que resultaron adxudicatarios 524 profesionais, seguido da categoría de médico de familia con 285 participantes e 142 adxudicatarios, e a de técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE) con 524 participantes e 96 adxudicatarios.

Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, un total de 907 obteñen un dos 5 primeiros destinos solicitados o que supón unha porcentaxe do 75 %; e 613 profesionais obteñen o primeiro destino solicitado neste concurso, o que supón unha porcentaxe do 50 % de profesionais. 

Son adxudicatarios 179 profesionais que participan desde unha praza en propiedade fóra do sistema público de saúde de Galicia, dos que 51 xa están traballando provisionalmente en centros sanitarios da comunidade en situación de comisión de servizos.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais asignados, de ser o caso, están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es ).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Os concursantes admitidos dispoñen dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

As reclamacións presentadas, entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados. 

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación. 

Data de actualización: 23/10/2025