Medio Rural salienta a importancia da certificación da xestión forestal sustentable para o monte galego

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou hoxe na 79ª Xunta directiva da Asociación para a Certificación Española Forestal

O Goberno autonómico mantén o distintivo PEFC, un dos selos de certificación de xestión forestal sostible máis implantados a nivel mundial, en 645 montes baixo a súa xestión que suman unha superficie de 161.000 hectáreas

En Galicia hai máis de 500.000 hectáreas certificadas, o que supón que está cumprido xa o obxectivo do Plan Forestal de Galicia para 2035

Madrid, 23 de outubro de 2025

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na 79ª xunta directiva da Asociación para a Certificación Española Forestal PEFC, onde salientou a importancia da certificación da xestión forestal sustentable para o monte galego.

O Goberno autonómico mantén o distintivo PEFC, un dos selos de certificación de xestión forestal sostible máis implantados a nivel mundial, en 645 montes baixo a súa xestión (maioritariamente montes veciñais en man común en convenio coa Xunta de Galicia), que suman unha superficie de 161.000 hectáreas. Isto supón que o 31 % da superficie certificada en Galicia por PEFC está baixo xestión pública.

José Luis Chan destacou que esta superficie seguirá incrementándose nos próximos anos, xa que a Consellería do Medio Rural está a incluír no seu Sistema de Xestión Forestal Sostible aqueles montes xestionados por ela que dispoñen dun instrumento de ordenación e xestión forestal.

A xestión forestal sostible certificada por terceiros independentes está a configurarse como un aspecto fundamental para os xestores de propiedades forestais, que a través destes distintivos poden xustificar que as súas accións teñen repercusións positivas no estado dos bosques. Ademais, aseguran que a xestión dos bosques dos que proveñen os produtos forestais é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

PEFC España

PEFC é un dos selos de certificación da xestión forestal sustentable máis implantados a nivel mundial. Na actualidade é empregado polos propietarios de 286 millóns de hectáreas. En España hai arredor de tres millóns de hectáreas que contan con este selo, das cales 508.000 están na nosa comunidade, o que implica que se está a cumprir xa o obxectivo do Plan Forestal de Galicia para 2035.

Esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.  Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back  better” BBB).

Data de actualización: 23/10/2025