O presidente da Xunta de Galicia visitou hoxe a planta de Lonza Biologics, onde puxo en valor a Galicia como biorrexión de referencia
Rueda destaca o investimento de Lonza Biologics no Porriño e enxalza o crecemento do sector biotecnolóxico galego
Actualmente, Galicia conta con máis de 70 empresas centradas na biotecnoloxía e máis de 160 que desenvolven produtos ou servizos baseados nesta, cun crecemento do 6% en emprego con 1.700 profesionais
Desde 2008, máis de 160 alumnos de FP se formaron nas instalacións da empresa tecnolóxica grazas ao convenio coa Xunta, en vigor ata 2029
Resalta o apoio do Goberno galego ao sector biotecnolóxico
O Porriño (Pontevedra), 24 de outubro de 2025
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da planta de Lonza Biologics no Porriño, onde puxo en valor o papel desta empresas como exemplo do modelo de Galicia que o Goberno autonómico promove: unha Galicia innovadora, aberta ao mundo e orgullosa do seu talento: “Dáste conta enseguida se o ambiente está ben cando ves a aos responsables falar con orgullo do que fan, dos seus equipos, e ser optimistas respecto ao futuro. E creo que esa é a conclusión coa que nos vamos hoxe todos de aquí”, resaltou.
Rueda salientou o importante investimento que está a facer Lonza Biologics na súa planta do Porriño, con máis de 60 millóns de euros nos últimos cinco anos, e subliñou que Galicia se consolidou como unha auténtica biorrexión de referencia. Un territorio que une coñecemento, innovación e compromiso, e no que empresas como Lonza desempeñan un papel esencial ao abrir portas á formación, á xeración de emprego cualificado e a demostrar que Galicia pode competir e liderar desde o talento: “Aquí fanse cousas moi importantes das que hai que presumir. Este é un centro clave na fabricación de medicamentos punteiros do mundo. Dos que salvan vidas”, puxo en valor o presidente.
Coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025, o Goberno galego prevé mobilizar 662 millóns de euros para fortalecer o sector. Galicia conta actualmente con preto de 70 empresas centradas na biotecnoloxía e máis de 160 compañías que desenvolven servizos baseados nesta tecnoloxía. O sector medrou un 6% en emprego e superou xa os 1.700 profesionais dedicados á I+D biotecnolóxica, a maioría deles dedicados á investigación. De feito, o investimento en I+D en Galicia neste sector aumentou en 2023 un 15,7% e supera os 147M€, confirmando o seu importante peso tanto no ámbito público como no empresaria. No período 2021-2023, a Comunidade foi a segunda rexión de España onde máis firmas de biotecnoloxía se crearon.
O xefe do Executivo autonómico destacou tamén o compromiso de Lonza e de todo o sector biotecnolóxico co futuro de Galicia e coa formación da súa mocidade, sinalando que cada estudante formado neste ámbito é unha aposta polo coñecemento, pola innovación e pola calidade que distinguen á comunidade. E sinalou que compañías como esta “representan a posibilidade de facer cousas punteiras ser ten que saír a sitios moi máis afastados”.
Nesta liña, Rueda salientou que Lonza representa un caso de éxito na colaboración público-privada, xa que desde 2008 máis de 160 alumnos de Formación Profesional se formaron nas súas instalacións grazas ao convenio coa Xunta: “Todo isto que aprenden non é só teoría, senón que ten unha transcendencia práctica e poden participar desde un principio desas empresas. Isto aquí funcionou moi ben desde o principio”, resaltou o presidente. Este acordo, que se manterá vixente ata 2029, permite combinar a aprendizaxe nos centros educativos coa experiencia directa no eido empresarial, favorecendo así a empregabilidade da mocidade e o fortalecemento do tecido produtivo galego.
Apoio á investigación
Por último, o presidente quixo mostrar o apoio do seu Executivo a todo o sector: ”Interésanos moitísimo que este polo biotecnolóxico no que se está convertendo Galicia siga expandíndose”, salientou. Galicia é actualmente a comunidade autónoma que máis incrementou o investimento en I+D, cun aumento do 28% ata superar os 960 millóns de euros, e conta con 1.200 empresas implicadas en proxectos innovadores e que mobilizan a 14.000 profesionais. Mostra deste compromiso é o incremento nun 9% dos orzamentos do Goberno autonómico no ano 2026 destinados á I+D+i galega.
Neste sentido, o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 conta cun orzamento histórico de 1.300 millóns de euros e que supón un salto adiante na aposta pola ciencia, a transferencia do coñecemento e a innovación aplicada: “Oxalá que todas as apostas que se están facendo por Galicia non fagan senón evidenciar que son apostas gañadoras e que se pode seguir crecendo aquí. A Xunta de Galicia fará todo o posible para que así sexa”, resaltou o presidente.