O conselleiro de Educación anuncia un novo investimento de máis de 200.000 € para mellorar os talleres de FP do instituto de Valga

Román Rodríguez destaca que esta nova actuación eleva a máis de 400.000 € o investimento no centro ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

O obxectivo da intervención é incrementar a seguridade, garantir o bo funcionamento dos equipos de soldadura e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións

Valga (Pontevedra), 24 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe un novo investimento de máis de 200.000 € para mellorar os talleres de FP do Instituto Plurilingüe de Valga, unha actuación incluída nos Orzamentos de 2026 do seu departamento. “Con esta medida buscamos incrementar a seguridade dos talleres de soldadura, garantir o bo funcionamento de todos os equipos e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións”, explicou.

A intervención, consiste na instalación de ventilación de gases de nos talleres de FP de soldadura de Atmosfera Protexida e Natural. Para iso, desmontaranse por completo as instalacións de ventilación de gases existentes nos talleres e instalaranse novos extractores, condutos e brazos de aspiración, xunto coa instalación eléctrica necesaria para o funcionamento dos novos equipos. A previsión é licitar a obra ao longo de 2026.

“Continuamos renovando as instalacións e equipamentos da FP galega, unhas ensinanzas que son un referente de calidade e que non paran de medrar. De feito, este curso bateron un récord histórico de 71.229 estudantes”, salientou o conselleiro, destacando o dinamismo deste instituto, que conta con 228 alumnos matriculados en ciclos formativos.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou que esta nova actuación eleva a preto de 500.000 € o investimento neste centro ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Non en balde, desde 2021 acometéronse xa melloras sectoriais no instituto, en concreto a colocación dunha cuberta para o patio, entre outras melloras. Ademais, este mesmo ano colocouse unha aula móbil para os 12 alumnos do ciclo de FP básica en Agroxardinaría e composicións florais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025