A Xunta inviste este ano 1,3 M€ en obras nos colexios de Igrexa-Calo e dos Tilos, en Teo

O conselleiro de Educación visita o colexio de Calo, no que a rehabilitación integral está executada ao 70%, coa previsión de rematala ao longo do mes de decembro

Destaca que ambas intervencións melloran o confort diario da comunidade educativa, e reducen o consumo enerxético, un dos obxectivos do Plan de nova arquitectura

Teo (A Coruña), 24 de outubro de 2025

A Xunta inviste este ano 1,3M€ en obras en dous centros educativos de Teo. Así o destacou esta tarde o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao Colexio A Igrexa-Calo, para comprobar o avance da rehabilitación integral que se está a acometer neste centro, cun orzamento de 925.000€. Ademais desta, está tamén en execución o cambio de cuberta do Colexio Plurilingüe dos Tilos, cun investimento estimado de 375.000€.

No caso da rehabilitación do Colexio A Igrexa-Calo, está executado o 70% da obra e só queda por aplicar o illamento térmico SATE en fachadas e remates. A previsión é rematar todos os traballos ao longo do mes de setembro.  No caso do cambio de cuberta do colexio dos Tilos, a obra está rematada.

En concreto, o programa da intervención inclúe a substitución de 1.068m² de cuberta por unha nova de panel sándwich illante con lá de roca, a colocación de 92 fiestras e cinco portas con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento e o cambio de 316 luminarias por luces LED de baixo consumo en todas as áreas do colexio e no patio cuberto. Tamén se instalan 2.567m² de illamento térmico polo exterior tipo SATE.

A maiores, realízase unha optimización de espazos, renóvanse os canlóns e baixantes do edificio, instálanse falsos teitos con protección acústica nas aulas, despachos e distribuidores de acceso, múdanse os mesados da cociña por uns de aceiro inoxidable, renóvase o chan da escaleira principal con pavimento
antiescorregadizo e a colócase sinaléctica nova.

Tal e como explicou o conselleiro, “esta obra vén dar un novo pulo a este centro educativo, que presentaba as problemáticas clásicas dun edificio que conta con máis de 50 anos de antigüidade”. “Ao mesmo tempo, incrementamos o confort diario para a comunidade educativa, tanto deste colexio, como a dos Tilos”, detallou.

Por outra banda, Román Rodríguez sinalou que ambas obras se enmarcan nunha das principais liñas de actuación do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a mellora da eficiencia enerxética dos centros educativos, coa conseguinte redución do consumo de luz e calefacción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025