A Xunta avanza na tramitación da futura Lei de administración ambiental simplificada, que unificará a normativa galega e integrará distintos trámites para reforzar a seguridade xurídica e gañar axilidade

Rueda anuncia que o Consello autoriza someter a información pública e audiencia o anteproxecto co fin de remitilo ao Parlamento no primeiro trimestre de 2026

Con esta norma Galicia aspira a ter “unha posición de vangarda” entre as comunidades ao dotarse dun dos ordenamentos ambientais máis innovadores e modernos do país

“Buscamos que Galicia estea mellor preparada para afrontar os retos ambientais e climáticos”, salienta o presidente

A futura Lei aposta pola simplificación administrativa ao integrar trámites de competencia autonómica e local para evitar duplicidades e atrasos nas resolucións

Clarificará o ordenamento ambiental autonómico e ofrecerá máis garantías aos promotores que queiran instalarse na Comunidade, á vez que previrá conflitos xudiciais interpretativos pola aplicación das diferentes normas

Por primeira vez será posible tramitar en liña todos os procedementos ambientais

 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello acordou hoxe someter ao trámite de audiencia e de información pública o anteproxecto da Lei de Administración ambiental simplificada de Galicia, un texto con que aspira a actualizar e unificar o marco normativo vixente na Comunidade e avanzar na simplificación dos distintos trámites a aos que se deben someter aquelas actividades e proxectos que poidan causar un impacto potencial sobre a contorna. “O obxectivo é evitar duplicidades e eliminar certos trámites para axilizar o proceso conservando todas as garantías de que cumpren coa protección do medio ambiente”, salientou.

A futura norma reforzará a seguridade xurídica que piden tanto os promotores de iniciativas económicas suxeitas a avaliación ambiental como as propias administracións encargadas de aplicala, ao tempo que se axiliza a súa tramitación con plenas garantías pero evitando solapamentos e duplicidades, tal e como demandan os actuais retos climáticos e a normativa a nivel comunitario e estatal.

Para impulsar a súa tramitación, o anteproxecto lexislativo someterase a información pública e audiencia durante o prazo dun mes, concretamente do 29 de outubro ao 29 de novembro. Neste período, o texto estará dispoñible no Portal de transparencia para que calquera interesado poida presentar as súas achegas e alegacións, que serán analizadas despois pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de enriquecer o documento inicial e poder remitilo ao Parlamento xa como proxecto de lei no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Cómpre lembrar que o impulso desta norma xorde ante a dispersión das regulacións autonómicas sobre ordenación e avaliación ambiental xurdidas en resposta á rápida evolución que sufriu o dereito ambiental nas últimas décadas, así como da experiencia adquirida desde a aprobación en 1995 da Lei de protección ambiental de Galicia.

Todo isto fixo recomendable revisar o marco normativo da protección ambiental a nivel autonómico e substituílo por unha nova lei que sistematice, actualice e integre os distintos instrumentos de prevención e control da contaminación das actividades económicas que pola súa propia natureza poden incidir no ambiente e que o faga de acordo cos novos retos sociais e climáticos —sobre todo, cos derivados dos obxectivos de transición enerxética— e co marco regulatorio comunitario e estatal vixentes.

De feito, a Xunta aspira a situar Galicia nunha posición de vangarda respecto ao resto de comunidades, e para iso quere dotala dun dos ordenamentos xurídicos ambientais máis modernos, ambiciosos e innovadores de todo o país para previr e controlar de forma integrada a contaminación derivada de certas actividades, mellorar a eficiencia no uso dos recursos dispoñibles e promover a economía circular e a descarbonización.

Así, a futura norma autonómica garantirá que se cumpran os estándares de protección ambiental da UE, que foi a punta de lanza dos últimos avances do dereito ambiental, e irá en liña cos obxectivos do Pacto Verde europeo, que pon no centro das políticas de desenvolvemento socioeconómico o fito de acadar a neutralidade climática no ano 2050, obxectivo que a Xunta quere acadar en Galicia 10 anos antes, tal e como se recolle na futura Lei do clima, actualmente en tramitación parlamentaria.

Simplificación e axilización de procedementos

Para acadar os obxectivos sinalados, e de acordo coa tendencia actual a clarificar e facilitar cada vez máis todos os procedementos administrativos da Xunta, a futura lei simplificará algúns dos trámites xa existentes, sen prexuízo do rigor na análise dos proxectos nin do mantemento dun alto nivel de protección ambiental que garanta sempre o máis estrito cumprimento do ordenamento comunitario nesta materia.

A realidade é que a existencia de distintos instrumentos de intervención ambiental fai que os administrados deban tramitar varios procedementos ante a mesma consellería ou ante entidades públicas adscritas a ela, duplicando en ocasións trámites de consultas ou de información pública. Esta situación vai en contra dos principios de simplicidade, claridade, racionalización e axilidade que deben rexer os procedementos administrativos, e tampouco favorece a eficacia e a eficiencia xa que atrasa a posta en marcha de actividades autorizables sen que esa tardanza implique unha mellor protección.

Fronte a isto, na futura lei apóstase por axilizar a tramitación dos distintos procedementos de autorización e de avaliación ambiental; pola mellora da coordinación entre as administracións implicadas na súa tramitación, fomentando a colaboración de todas as partes, e por unha revisión dos actuais instrumentos de prevención e control ambientais —como a autorización ambiental integrada, a comunicación previa municipal ou a avaliación ambiental estratéxica de plans e programas— que actualice o réxime dalgúns deles ou mesmo elimine pasos que se consideren innecesarios.

En concreto, e como exemplo das medidas con que se queren evitar duplicidades ou trámites innecesarios, a norma suprime a exixencia de que os promotores de instalacións ou actividades sometidas a autorización ambiental integrada ordinaria (AAIO) —que renomeará e substituirá a autorización ambiental integrada actual— teñan tamén que comunicalo previamente ao concello en que se desenvolverá a actividade.

Así mesmo, créase un instrumento novo, a autorización ambiental integrada simplificada (AAIS), coa finalidade de trasladar e replicar o modelo integrado de prevención e control da contaminación recollido na AAIO —que afecta grandes industrias— á tramitación ambiental de instalacións industriais consideradas de menor impacto, reducindo así cargas administrativas innecesarias ao integrar nun só procedemento e nunha única autorización os distintos trámites ambientais sectoriais. Neste caso, tampouco será necesario que o promotor llo comunique ao concello.

Por último, mantense o procedemento de comunicación previa municipal para o resto de casos non sometidos a autorización ambiental, pero integrarase nela o chamado informe de incidencia ambiental, trámite que están obrigadas a pasar con carácter previo determinadas actividades, detalladas nun dos anexos da propia norma.

Máis certeza e menos conflitividade

Fronte á dispersión normativa actual e para acabar coas posibles causas que xeran inseguridade e mesmo poñen en risco certas actividades e proxectos unha vez autorizados, a futura lei tamén busca levar a cabo unha simplificación do ordenamento xurídico ambiental de Galicia, reforzando, deste xeito, a seguridade xurídica dos operadores suxeitos á intervención ambiental pola natureza dos seus proxectos e, tamén, das administracións públicas que teñen que aplicar este marco legal.

Ademais, e grazas á integración nun só texto de toda a regulación das principais técnicas de ordenación e avaliación ambiental, que actualmente se encontra dispersa e fragmentada, a Lei de Administración ambiental simplificada tamén permitirá previr ou minimizar a proliferación de conflitos xudiciais interpretativos sobre a aplicación das ditas normas e, polo tanto, proporcionará a seguridade necesaria para o asentamento de actividades que requiren ser sometidas a este tipo de avaliación.

Un exemplo claro neste sentido serían os proxectos para a implantación en Galicia de enerxías renovables e parques eólicos en particular, sectores declarados de interese público superior polo seu papel clave para a consecución dos obxectivos de descarbonización e transición enerxética a nivel comunitario.

De feito, o anteproxecto inclúe varias disposicións relativas ás regras especiais para a avaliación de impacto ambiental dos proxectos enerxéticos e á aceleración do proceso de concesión de autorizacións para iniciativas de enerxía eólica en determinadas zonas ou de proxectos de renovación tecnolóxica, entre outros.

Procedemento electrónico para todos os trámites

Por último, e como terceiro eixe, a lei ten por obxecto garantir o acceso á información e fomentar unha maior participación pública nos trámites ambientais. En concreto, prevé a creación do Rexistro Ambiental de Instalacións de Galicia, para facilitarlle información á cidadanía, e da Plataforma galega de información ambiental, que se configurará como un sistema de información permanente e de acceso público en liña que permitirá, ademais e por primeira vez, tramitar por vía electrónica todos os procedementos ambientais, incluídas as autorizacións integradas e as avaliacións de impacto.

De feito, a posta en marcha desta nova plataforma será especialmente relevante, xa que garantirá a posibilidade de presentar en liña trámites que agora só se poden realizar de forma presencial, unha opción moi demandada por promotores e axentes económicos polo aforro de tempo e molestias que supón.

A maiores, a lei tamén prevé a activación dos chamados puntos de contacto ambiental, onde se lles prestará apoio aos administrados para resolver consultas administrativas previas e na tramitación dos distintos procedementos de intervención ambiental de competencia autonómica, que adoitan ser complexos e requiren de asesoramento.

Así mesmo, a norma galega aspira a contribuír ao fomento das boas prácticas ambientais entre as galegas e os galegos, para o cal prevé instrumentos de acción voluntarios, como a posibilidade de subscribir acordos ambientais ou de implantar sistemas comunitarios de xestión e auditoría ambiental.

Rueda resaltou que a finalidade desta normativa é “que Galicia estea mellor preparada para os retos ambientais e climáticos” e que a Comunidade se sitúe “á vangarda á hora de regular o impacto ambiental de empresas ou industrias”.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2025