A Xunta destaca o aforro fiscal de ata máis do 50% no contrato vitalicio para apoiar aos maiores

Este incentivo fiscal combina rebaixas en tres impostos para axudar a persoas maiores que precisen asistencia na súa casa

Os beneficiarios serán persoas maiores de 65 anos, cunha discapacidade mínima dun 33% e que precisen coidados sen estar nunha residencia

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025

A Xunta destaca o aforro fiscal de ata máis do 50% no contrato vitalicio, como un xeito máis de apoiar aos maiores. Trátase dun incentivo fiscal que se inclúe nos Orzamentos do vindeiro ano e que combina rebaixas en tres impostos para axudar ás persoas maiores que precisen asistencia na súa casa.

 O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recibiu esta mañá ao decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño, e explicoulle polo miúdo o xeito en que o Goberno galego recolle unha demanda deste colectivo, preocupado polo avellentamento progresivo da sociedade.

 Trátase dunha alternativa para que as persoas maiores que non poidan vivir de xeito independente, por falta de autonomía ou por calquera outro motivo, manteñan o arraigo coa súa contorna e poidan permanecer no seu fogar ao coidado de terceiros, de tal maneira que se lles ofrece unha alternativa máis dentro dun abano o máis amplo posible para que poidan decidir como queren desenvolver esta etapa da súa vida. Os beneficiarios serán persoas maiores de 65 anos, cunha discapacidade mínima dun 33% e que precisen coidados, pero sen estar nunha residencia.

 O aforro pode chegar ata máis do 50% grazas á baixada en tres impostos: a rebaixa á metade (do 8% ao 4%) no tipo do Imposto de Transmisións Patrimoniais; a equiparación da tributación de parentes próximos no Imposto Doazóns, polo que o aforro poder superar o 50%, e a eliminación da tributación da garantía de reintegro no Imposto de Actos Xurídicos Documentados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2025