A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a xornada Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto
Lorenzana asegura que, co recurso de inconstitucionalidade á repotenciación eólica, o Goberno “non está defendendo nin a Galicia nin aos galegos”
“Os cidadáns galegos piden o menor impacto no seu territorio e piden, tamén, máis aforros enerxéticos nos seus fogares, nas súas empresas, na industria”, e o Goberno, di, “pensa que é ilícito”
Subliña que a Xunta “non ten ningunha dúbida de que a repotenciación ten un impacto moi positivo non só porque reduce o impacto na paisaxe, senón porque contribúe a incrementar a enerxía eléctrica xerada en Galicia e, ademais, axuda a fixar unha industria asociada vinculada á reciclaxe e reutilización dos equipos reemprazados”
“Son necesarios cambios valentes nas políticas que estamos facendo para que a cidadanía comprenda a enorme vantaxe que pode supoñer ter un desenvolvemento renovable de primeiro nivel no seu territorio”, remarca
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que co recurso de inconstitucionalidade que o Goberno vén de presentar contra as medidas de repotenciación eólica aprobadas pola Xunta, “non está defendendo nin a Galicia nin aos galegos”.
Así o manifestou hoxe na clausura da xornada Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, organizada por CC.OO, onde apuntou que, neste momento, en Galicia hai 20 parques que son susceptibles de seren repotenciados porque xa cumpriron os 25 anos de antigüidade. Ademais, fixo referencia a un estudio da Universidade de Vigo que prevé que se poderían eliminar da paisaxe aproximadamente 582 aeroxeradores (pasar de 733 que suman eses 20 parques a 151; é dicir, un 79 %), e aumentar a enerxía que xeran nun 34,5 %.
“Os cidadáns galegos piden o menor impacto no seu territorio e piden, tamén, máis aforros enerxéticos nos seus fogares, nas súas empresas, na industria”, dixo, para remarcar: “A Xunta de Galicia pensa que isto é lícito demandalo e, por iso, comezamos ese ambicioso programa de medidas”, engadiu. “O Goberno do Estado, pensa que é ilícito”.
Lorenzana asegurou que a Xunta “non ten ningunha dúbida de que a repotenciación ten un impacto moi positivo non só porque reduce o impacto na paisaxe, senón porque contribúe a incrementar a enerxía eléctrica xerada en Galicia e, ademais, axuda a fixar unha industria asociada vinculada á reciclaxe e reutilización dos equipos reemprazados”. Pola contra, a súa suspensión, proseguiu, só trae consecuencias negativas: para o medio ambiente, para a paisaxe e á hora de dispoñer de enerxía renovable que permita abaratar a factura da luz aos consumidores galegos.
Nesta liña, preguntouse que intereses defende o Goberno central presentando ese recurso de inconstitucionalidade. “Non defende a descarbonización, nin a electrificación da economía; tampouco está defendendo o medio ambiente, nin o territorio galego nin a súa paisaxe; non defende a industria nin o incremento de enerxía renovable en Galicia, enerxía máis barata; e polo tanto, creo que non está defendendo aquí nin a Galicia nin aos galegos”, manifestou.
Medidas valentes
Lorenzana avogou polo trinomio industria, administración e cidadanía, fundamental, afirmou, para acadar un desenvolvemento socialmente xusto do sector eólico que, para a Xunta “significa abaratar a factura eléctrica que pagan os galegos e as galegas e o tecido produtivo”. “Queremos que a cidadanía perciba o feito de convivir preto dun parque eólico non como unha ameaza senón como un beneficio, como algo positivo”, engadiu, e isto, apostilou, “só o imos conseguir con feitos, non con palabras”.
“Son necesarios cambios valentes nas políticas que estamos facendo para que a cidadanía comprenda a enorme vantaxe que pode supoñer ter un desenvolvemento renovable de primeiro nivel no seu territorio”, asegurou, para lembrar, ao respecto, que a Xunta xa aprobou a excepcionalidade dos primeiros dous parques que van subministrar enerxía á planta de Ferroatlántica en Sabón e, ao mesmo tempo, van beneficiar a uns 46.000 veciños de 17 concellos con descontos na factura da luz dun 30 %, para familias e pemes (15 M€).
Exixir estas bonificacións aos promotores de novos parques eólicos -a venda do 50% da enerxía a consumidores galegos- é unha das medidas previa á aprobación do novo Plan sectorial eólico no que, segundo adiantou, a Xunta vai seguir avanzando coa elaboración dunha base de datos cartográfica e un primeiro borrador, incluíndo as zonas de aceleración renovable eólica, así como o Documento Inicial Estratéxico e a posterior redacción do Estudo Ambiental Estratéxico.