A campaña “Este curso, non perdas este bus” achega a doazón de sangue ata o campus de Esteiro en Ferrol

A ADOS achegará hoxe, mércores 29 de outubro, esta iniciativa solidaria co obxectivo de acadar 4.500 doazóns na campaña de doazón nas Universidades galegas durante o presente curso académico

Santiago de Compostela, mércores 29 de outubro de 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achega hoxe, mércores 29 de outubro, a campaña “Este curso, non perdas este bus” ata o ferrolán campus de Esteiro. Unha unidade móbil estará hoxe entre os edificios de EUDI e a Facultade de Humanidades no campus de Esteiro en Ferrol.

A ADOS convida a todos os membros da comunidade universitaria do campus de Ferrol a participar activamente doando sangue na súa unidade móbil, que ofrece un amplo horario de atención: das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas.

Ademais, ao longo da presente xornada, a ADOS instalará unha montaxe situada na entrada da Facultade de Humanidades, consistente nunha simulada parada de bus con paneis informativos alusivos ao solidario xesto da doazón de sangue, como os requisitos necesarios para participar. O obxectivo desta iniciativa, que está percorrendo os sete campus universitarios, pasa por acadar 4.500 doazóns nas Universidades galegas durante o presente curso académico.

Positiva evolución

No transcurso do pasado curso académico, o campus de Ferrol acadou 281 das 1.400 doazóns de sangue rexistradas nos dous campus que forman parte da  Universidade da Coruña.

Lembrar, que no pasado curso académico, os 7 campus galegos rexistraron máis de 4.300 doazóns, das que 1.317 foron realizadas por novos doantes, aproximadamente o 30% do total.

Concienciar e sensibilizar

Durante os meses de setembro a novembro, a ADOS desenvolve a primeira fase da campaña de doazón na Universidade, mentres que a segunda fase abranguerá os meses de febreiro, marzo e abril.

As visitas das unidades móbiles estarán precedidas de charlas informativas destinadas a transmitir aos membros da comunidade universitaria a importancia deste xesto solidario, sensibilizando ao alumnado e promovendo a súa activa participación nas campañas de doazón.

A ADOS fai un chamamento á participación de todos os membros da comunidade universitaria en Galicia que ten amosado, ao longo de máis de tres décadas o seu compromiso co solidario xesto da doazón de sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: https://ados.sergas.gal, as súas redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Data de actualización: 29/10/2025