Belén do Campo destaca o valor das escolas rurais durante a visita ao CEIP de Torres de Vilarmaior

A delegada da Xunta destacou que as escolas rurais representan o compromiso da Xunta coa educación, entendéndoa como un elemento esencial para fixar poboación, garantir igualdade de oportunidades e contribuír ao desenvolvemento sostible das zonas do interior

Vilarmaior (A Coruña), 29 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, e polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana., visitou hoxe o CEIP de Torres de Vilarmaior, unha escola rural de educación infantil e primaria que actualmente conta con sete alumnos na etapa de infantil, entre 3 e 5 anos. Durante a visita, puxo en valor o compromiso e o esforzo do equipo docente por ofrecer unha educación de calidade, personalizada e próxima ao alumnado e ás familias do medio rural. Na xornada de hoxe a delegada participou nunha actividade de convivencia dos alumnos deste centro cos usuarios da Casa do Neno e a Casa do Maior deste municipio.

A responsable do centro mantén unha estreita coordinación con outros colexios da contorna, co obxectivo de organizar e optimizar as visitas culturais e favorecer a convivencia e a socialización do alumnado, garantindo así experiencias educativas compartidas e enriquecedoras.

O alumnado, ao rematar educación infantil, trasládase ao CEIP Castro, no concello de Miño, dentro da súa área de influencia, contando con servizo de transporte escolar que facilita a continuidade educativa.

A representante do Goberno autonómico destacou os valores da escola rural, sinalando a este centro como un exemplo do traballo colaborativo que desenvolve o alumnado deste tipo de colexios.

Durante a visita, a delegada subliñou que a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso coa continuidade das escolas rurais, sempre que conten co número mínimo de alumnos establecido. Neste senso, tamén salientou que Galicia é un exemplo a nivel estatal do valor e da evolución do ensino no medio rural, converténdose nun verdadeiro exemplo de boas prácticas neste ámbito. Recordou que, malia representar só arredor do 5% do territorio de España, a comunidade galega concentra a metade das entidades singulares de poboación, o que lle confire unha realidade demográfica e territorial única.

Neste contexto, Do Campo puxo en valor o modelo educativo galego como un referente de cohesión social e equilibrio territorial. Subliñou o compromiso da Xunta coa educación rural, entendéndoa como un elemento esencial para fixar poboación, garantir igualdade de oportunidades e contribuír ao desenvolvemento sostible das zonas do interior.

Non obstante, Belén do Campo tamén recoñeceu o reto demográfico que afronta o sistema educativo galego, especialmente no medio rural, onde o descenso da natalidade obriga a adaptar a estrutura e a organización dos centros para manter a calidade do servizo. “A educación rural é parte do futuro de Galicia, e imos seguir traballando da man da comunidade educativa para garantir que siga sendo unha opción viable, moderna e atractiva para as familias”, afirmou.

Finalmente, destacou o traballo, o compromiso e o orgullo do profesorado do rural, que desenvolve proxectos de innovación, participa en redes de colaboración e se implica activamente na vida dos seus centros. “Eles son o auténtico piar do éxito do noso modelo educativo, e o mellor exemplo do valor que ten ensinar no rural galego”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025