A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o concello lucense

A Xunta destaca os avances nas obras da nova EDAR de Foz, con remate previsto para o próximo ano e que permitirá dar servizo a case tres veces máis poboación

Cun grao de execución do 40 %, o proxecto ten un custo de 14,2 M€ e resolverá as dificultades da actual depuradora para dar resposta ás necesidades do municipio

Ángeles Vázquez salienta que é unha das principais actuacións hidráulicas que están en execución na Mariña e estase a tramitar unha modificación do proxecto para garantir tamén a xestión dos residuos das foxas sépticas de Foz e da súa contorna

Foz (Lugo), 29 de outubro de 2025

A Xunta puxo esta mañá en valor os avances na execución das obras da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz, unha infraestrutura clave para o concello lucense e para a comarca da Mariña e que unha vez estea en funcionamento permitirá dar servizo a case tres veces máis poboación da que se atende coa instalación actual.

Durante unha visita á zona onde se están a levar a cabo os traballos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que nestes momentos a obra está executada xa nun 40 % polo que se prevé que estea totalmente rematada o próximo ano.

Cun investimento total estimado en 14,2 millóns de euros -aportados integramente por Augas de Galicia e con cofinanciamento da UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)-, a actuación ten como fin lograr unha mellora substancial do sistema de saneamento no municipio grazas á execución dun tanque de tormentas de 1.500 m3, dun sistema de impulsión de 3,4 quilómetros para levar as augas desde o mesmo ata a depuradora e da xa mencionada EDAR.

A nova estación de depuración estará dotada cun sistema de eliminación de nutrientes e de desinfección e a súa capacidade máxima, que lle permitirá atender unha poboación de 22.361 habitantes, garante que se poida dar cobertura a todo o termo municipal.

Neste sentido, a conselleira lembrou que este proxecto xurdiu como resposta ás dificultades e problemas detectados no funcionamento da depuradora que dá servizo actualmente a Foz, unha infraestrutura do ano 2006 e dimensionada para atender ás augas procedentes de 8.000 habitantes equivalentes polo que non garante a cobertura das necesidades actuais e futuras deste municipio lucense.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a responsable autonómica salientou ademais que o proxecto para a mellora do saneamento e a construción da nova EDAR en Foz é unha das principais actuacións hidráulicas que ten en marcha o seu departamento na comarca da Mariña.

Para que o seu alcance sexa aínda maior, Augas de Galicia está a tramitar nestes momentos unha modificación do proxecto inicial co fin de adaptar a futura depuradora para que poida xestionar tamén os residuos procedentes de foxas sépticas do concello e doutros puntos da contorna.

Máis de 46 M€ mobilizados na Mariña

A conselleira tamén explicou que tendo en conta as obras de próxima licitación, as que están actualmente en execución ou as que se remataron desde o ano 2024, o seu departamento ten mobilizados máis de 46 millóns de euros nos concellos da comarca lucense para conseguir dotala dun ciclo da auga moderno, eficiente e sustentable.

A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse á fase I das obras de mellora do sistema de saneamento de Burela, cun orzamento de 5 millóns de euros e actualmente en marcha; ao proxecto para optimizar o abastecemento a Ribadeo e Trabada, licitado por 7,5 millóns a comezos deste mes; ou ás melloras nas liñas de tratamento da EDAR de Viveiro (4,5 M€) e no saneamento de Celeiro (3,9 M€), ambas rematadas o ano pasado.

En canto aos orzamentos de 2026, a conselleira salientou que Augas de Galicia disporá de case 152 millóns de euros, un 5,49 % máis que en 2025. Dese total, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento -108,7 M€- e case a metade -73,6 M€-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas que melloren a calidade de vida da poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025