O conselleiro de Sanidade interveu na mesa sobre a calidade da formación e a investigación, dentro do Foro Debate sobre os polos de excelencia de Galicia, que organiza o Club Financiero de Santiago
Gómez Caamaño remarca a aposta da Xunta pola investigación sanitaria con 80 M€ previstos nas contas de 2026
O orzamento para investigación do Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Coñecemento en Saúde para o próximo ano ascende a 31 M€, incrementándose nun 33,5 %
A Xunta destinará 49,1 M€ ao financiamento das tres Fundacións públicas galegas de investigación sanitarias
As contas do Goberno galego para 2026 serán as da maior oferta de formación sanitaria especializada da historia, con 682 prazas de novos residentes ás que se dedicarán 94,2 M€
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou o compromiso da Xunta coa investigación no ámbito biomédico, ao que as contas de 2026 destinarán 80 millóns de euros.
Así o destacou na súa intervención no Foro Debate sobre os polos de excelencia de Galicia, organizado polo Club Financiero de Santiago, na mesa titulada Calidade da formación e a investigación.
Gómez Caamaño referiuse ao investimento en investigación do Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Coñecemento en Saúde, que con 31 millóns de euros previstos nos Orzamentos da Xunta do próximo ano experimenta un aumento de 33,5 %.
O conselleiro de Sanidade incidiu en que a aposta da Xunta pola investigación é incuestionable, posto que se dedicarán 49,1 millóns á Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, á Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Inibic e á Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur. Isto supón 1,7 millóns máis para o vindeiro ano.
No mesmo sentido, Gómez Caamaño lembrou a aprobación da maior oferta de formación sanitaria especializada da historia de Galicia para o curso 2025-2026, con 682 prazas. A Xunta financia a formación dos futuros profesionais sanitarios con 94,2 millóns de euros nos orzamentos de 2026, o que representa un incremento do 11,5 % e no que se inclúe o financiamento das primeiras seis prazas da nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.