A Xunta ultima a Lei de educación dixital nunha xornada de traballo e reflexión con expertos e docentes
Os catedráticos Francisco Bellas e José César Perales e a profesora universitaria Laura Cuesta son algúns dos relatores que interveñen na sesión, que se completa con grupos de traballo asesorados por enxeñeiros expertos en Telecomunicacións
Esta xornada de análise e posta en común súmase á rolda de encontros con representantes das familias, centros escolares, organizacións sindicais, universidades e o Consello Escolar de Galicia para acadar un texto rigoroso e dialogado
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe nunha xornada de traballo e reflexión para perfilar o contido da futura Lei de educación dixital na que participaron expertos de recoñecido prestixio nesta materia, así como medio centenar de docentes e colectivos profesionais que representan a profesorado especializado de diversos ámbitos. Encárase así a recta final do proceso participativo de elaboración que está a impulsar a Xunta de Galicia co obxectivo de aprobar esta norma antes de que remate o curso.
A sesión ten como obxectivo poñer en común, analizar e debater sobre distintos aspectos normativos e, deste xeito, enriquecer o texto final de cara á súa tramitación lexislativa. Este encontro súmase á rolda de contactos mantida pola Consellería de Educación cos representantes das ANPAS, das organizacións sindicais, universidades, centros educativos a través da Xunta Autonómica de Directores e o Consello Escolar de Galicia, co fin de acadar un texto rigoroso e dialogado que responda aos novos retos e necesidades.
Entre os expertos na materia interveñen a profesora de Comunicación e Estratexia Dixital da Universidade Camilo José Cela e divulgadora sobre benestar dixital, Laura Cuesta, cun relatorio no que aborda a prohibición das pantallas aos rapaces e a educación no bo uso das tecnoloxías; o catedrático de Psicoloxía da Universidade de Granada e investigador sobre adiccións sen substancias José César Perales, que aborda a relación entre uso da tecnoloxía e saúde mental, e Francisco Bellas, doutor e catedrático da Universidade da Coruña e experto en intelixencia artificial no ensino, robótica evolutiva e educativa.
Grupos de traballo e colectivos
Ademais dos distintos relatorios, durante toda a mañá desenvólvense cinco grupos de traballo compostos por 50 docentes de centros educativos de toda Galicia pertencentes a distintas etapas asesorados por doutores enxeñeiros da Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo, entre eles a súa decana, Rebeca Díaz, que veñen de traballar nun libro rigoroso e completo sobre o uso da intelixencia artificial no ensino a través de grupos de innovación docente. Entre os docentes que participan na xornada, atópanse representados colectivos profesionais de distintos ámbitos do profesorado. En concreto, APETEGA (Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia), AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática), TADEGA (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega), AGMAL (Asociación Galega de Mestres de Audición e Linguaxe) e AGAMPI (Asociación Galega de Mestras e Mestres pola Inclusión).
Dereitos e deberes da comunidade educativa
A futura Lei de educación dixital de Galicia regulará os regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.
Nela afondarase na consolidación do modelo galego de ensino híbrido, onde as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Para isto é necesario dotalo de competencias dixitais para poder desenvolverse dun xeito responsable, seguro, crítico e competitivo.
Ademais de facer fincapé na formación, o texto adecuará o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas en función da etapa educativa e conforme ao grao de madurez e desenvolvemento dos estudantes. Así mesmo, haberá un capítulo dedicado á intelixencia artificial, regulando o seu emprego para favorecer o proceso de aprendizaxe e minimizar os riscos do seu uso inadecuado, poñendo ao docente e ao alumno no centro.
Tamén se fará especial fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal. Paralelamente, incentivarase a colaboración e a coordinación cos centros e as familias, con sesións específicas de titoría e información.
 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
									 
									 
									 
										 
										