O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración da xornada `Coida dos teus riles, coida da túa vida´, que se celebra esta tarde no edificio administrativo de San Lázaro
Gómez Caamaño destaca a colaboración institucional e o traballo do tecido asociativo na sensibilización e prevención da enfermidade crónica renal
Incide na aposta da Xunta por un enfoque multidisciplinar que integra os ámbitos da atención sanitaria e social para dar a mellor resposta aos pacientes con enfermidade renal crónica
Subliña que o Servizo Galego de Saúde reforzou a detección temperá e a continuidade entre os distintos niveis asistenciais, potenciando a colaboración entre todos os profesionais implicados
Avanza que o vindeiro ano se prevé estender ao conxunto da comunidade o procedemento multidisciplinar GaliON posto en marcha no centro Mariñamansa de Ourense como proxecto piloto para mellorar a atención ao paciente renal
Destaca a solidariedade de Galicia en materia de doazón, xa que no 2024 a comunidade acadou os mellores resultados con 424 transplantes de órganos, 208 de ril, que se elevan a 5.168 desde o comezo do programa en 1998
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a colaboración institucional e o traballo do tecido asociativo na sensibilización e prevención da enfermidade renal crónica, no acto de inauguración da xornada Coida dos teus riles, coida da túa vida, que se celebrou na Consellería de Sanidade.
O titular da carteira sanitaria da Xunta subliñou o labor que realizan diariamente a Asociación Galega de Lupus (Agal), a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (Alcer), e a Sociedade Galega de Nefroloxía, impulsoras do acto de hoxe, á hora de visibilizar e promover a saúde renal e ofrecer recursos aos pacientes e ás súas familias.
Gómez Caamaño incidiu en que, recentemente, o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional que defende a prevención, o acceso igualitario aos tratamentos, a investigación en Nefroloxía e o apoio ás asociacións.
Ao respecto, o conselleiro referiu que a Xunta concorda con estes obxectivos e traballa para conseguilos apostando por un enfoque multidisciplinar que integra os ámbitos da atención sanitaria e social para ofrecer a mellor resposta aos pacientes.
Tamén dixo o titular da carteira sanitaria que o seu departamento busca unha abordaxe de calidade, desde que aparecen os fallos renais ata o inicio da enfermidade renal crónica, en calquera dos seus estadíos e ao longo de todo o proceso clínico. Neste senso, o Sergas reforzou a detección temperá e a continuidade entre os distintos niveis asistenciais, potenciando a colaboración entre todos os profesionais implicados.
Cumprindo unha das liñas estratéxicas de humanización do sistema sanitario galego, o conselleiro referiu que o seu departamento impulsou a diálise domiciliaria, co obxectivo de facilitar a autonomía e mellorar a vida dos pacientes que desexen ter unha vida social e laboral activa.
Estreita colaboración coas asociacións
Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño reiterou a cooperación da Consellería de Sanidade coas asociacións representadas na xornada de hoxe e, entre as medidas destacadas citou, a posta en marcha, en colaboración con Alcer, do proxecto GaliOn, procedemento multidisciplinar para a asistencia aos pacientes que sofren algunha enfermidade renal crónica. O obxectivo da Consellería de Sanidade, dixo, é estender ese procedemento ao conxunto da comunidade o vindeiro ano, logo de testalo como proxecto piloto no centro de saúde de Mariñamansa de Ourense.
Tamén colabora Sanidade con Alcer no traslado de pacientes con insuficiencia renal crónica aos centros sanitarios, para que poidan recibir o seu tratamento de hemodiálise.
O conselleiro incidiu no seu agradecemento ás asociacións a súa implicación, colaboración e total disposición a facilitarlle a vida ás persoas que sofren estas doenzas.
Para rematar a súa intervención, o titular de Sanidade destacou a solidariedade de Galicia en materia de doazón, xa que no 2024 a nosa comunidade acadou os mellores resultados con 424 transplantes de órganos e, entre o Hospital Universitario de Santiago de Compostela e o da Coruña, se realizaron 208 transplantes de ril. Desde o inicio do programa, en 1988, realizáronse 5.168 transplantes de ril en Galicia.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, foi a encargada de clausurar a xornada.
 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
									 
										