A Xunta achega a cultura e a música aos seus centros de atención á discapacidade a través da Fundación Igualarte
A directora xeral Begoña Abeijón asistiu hoxe a un concerto protagonizado por persoas con discapacidade no CAPD da Coruña
A Coruña, 31 de outubro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, puxo hoxe en valor os programas e actividades que se desenvolven nos centros que dependen do seu departamento para que os seus usuarios gañen en autonomía, desenvolver novas habilidades e fomentar a participación activa. Díxoo durante unha visita ao Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, pertencente á rede pública autonómica.
A visita de Begoña Abeijón coincidiu cunha xornada musical, na que actuou o grupo ‘Chungo Pastel’, integrado por persoas con discapacidade da Fundación Igualarte, entidade coa que colabora a Xunta de Galicia. Ao respecto, sinalou que este grupo repetirá concertos como o de hoxe noutros centros públicos da Xunta, co fin de que usuarios e persoal pasen unha xornada divertida e poder achegarlles cada vez máis opcións de entretemento, xa que “a cultura e arte é outra ferramenta moi válida para seguir avanzando na plena integración en todos os ámbitos da sociedade”, engadiu.
Por outra banda, a directora xeral destacou a forte aposta que está a facer o Goberno galego no ámbito da discapacidade. Neste sentido, lembrou que os orzamentos para o vindeiro ano recollen unha subida do 8,5%, ata acadar os 191 millóns de euros. Esta cifra permitirá incrementar o financiamento das prazas de atención residencial e de dia que a Administración autonómica ten concertadas en centros de iniciativa social e crear outras novas, blindar os acordos coas entidades para o desenvolvemento de programas e a mellora dos seus equipamentos, así como seguir estendendo servizos públicos como a atención temperá.
 
											
											 
									 
										 
										