A Xunta destaca a atención especializada e gratuíta que prestan os centros de crise 24 horas

Lugo, 31 de outubro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou esta mañá o compromiso da Xunta de Galicia coas vítimas de calquera tipo de violencia e o traballo que se está a realizar para erradicala en tres eidos fundamentais: a prevención, a sensibilización e a atención. Díxoo durante unha visita ao centro de crise 24 horas de Lugo, un dos cinco que están en funcionamento na nosa comunidade.

Roberto Barba sinalou a importancia destes centros, onde se presta unha atención especializada, tanto presencial como telefónica, as 24 horas do día e os 365 días do ano. De feito, en Galicia estes servizos teñen sempre dispoñible e de maneira presencial a un profesional. Así mesmo, o director xeral subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.

Data de actualización: 31/10/2025