O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria, realizou unha visita ás áreas de radioterapia e oncoloxía do HULA
Gómez Caamaño avanza que os orzamentos de 2026 reservan 2,2 M€ para adquirir un novo acelerador destinado a radioterapia do Lucus Augusti
Subliña que o Servizo Galego de Saúde xa traballa na elaboración dun plan que permita renovar o equipamento dos distintos hospitais da rede sanitaria pública galega
Pon en valor a iniciativa pioneira realizada polo servizo de oncoloxía na área sanitaria de Lugo, que permitiu atender 16 pacientes nos seus domicilios e administrar preto de 140 doses, e que se integrará como unha nova prestación do HULA desde o 15 de novembro
Remarca o traballo dos profesionais do servizo de oncoloxía de Lugo e a súa defensa da humanización dos procesos oncolóxicos
Lugo, 31 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2026 reservan 2,2 millóns de euros para adquirir un novo acelerador lineal destinado a radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, realizou unha visita ás áreas de radioterapia e oncoloxía do HULA.
O novo equipo que se vai mercar licitarase no primeiro trimestre do ano e substituirá a un dos dous que xa funcionan no Lucus Augusti.
Gómez Caamaño referiu que a Xunta quere seguir achegando máis recursos que permitan poñer a tecnoloxía máis punteira ao servizo da cidadanía galega e, ao respecto, dixo que o seu departamento xa traballa na elaboración dun plan que permita renovar o equipamento dos distintos hospitais do Servizo Galego de Saúde.
Pilotaxe do servizo de Oncoloxía
Polo que atinxe á parte asistencial, o conselleiro incidiu en que os esforzos da Xunta diríxense a ofrecer unha maior comodidade para os doentes, reducindo desprazamentos e alterando o menos posible as súas rutinas.
Neste sentido puxo en valor a iniciativa piloto de carácter pioneiro realizada polo servizo de oncoloxía nesta área sanitaria entre os meses de abril e agosto, que permitiu atender 16 pacientes nos seus domicilios e administrar preto de 140 doses.
Entre os beneficios que reportou esta iniciativa, o conselleiro citou a mellora da calidade de vida e a conciliación familiar, ademais dun menor risco de contraer infeccións relacionadas co ámbito hospitalario.
Agora o Sergas dá un paso máis e integrará esta iniciativa como unha nova prestación do HULA desde o vindeiro 15 de novembro co obxectivo de tratar ata dez pacientes ao día.
Humanización da atención
Na súa intervención no acto, o conselleiro remarcou o traballo dos profesionais do servizo de oncoloxía de Lugo e a súa defensa da humanización dos procesos oncolóxicos, a través dun programa formativo para pacientes e coidadores no que se inclúen 18 sesións que abordan temas como a nutrición ou exercicio.
O compromiso tamén se traslada á humanización dos espazos, con 24 postos de tratamento e a habilitación de zonas máis amplas e cómodas.
Gómez Caamaño tamén subliñou o modelo de descentralización que permite que os oncólogos do HULA se despracen aos hospitais de Burela e Monforte de Lemos, garantindo a mesma accesibilidade, con independencia do lugar de residencia do paciente.
Todas estas iniciativas non sería posibles -concluíu o conselleiro- sen o esforzo dos responsables da área sanitaria e dos seus profesionais, que están a contribuír co seu compromiso á mellora do sistema sanitario.