A Xunta e as tres universidades galegas asinan un convenio de colaboración para coidar do benestar emocional dos estudantes
O acordo posibilitará a elaboración dun protocolo de acompañamento cuxo obxectivo principal será velar polo benestar emocional da poboación moza
A Xunta destina unha partida de 60.000 euros para apoiar as universidades na realización de actividades formativas e de divulgación
O Executivo galego traballa nun novo Plan de Saúde Mental que definirá as liñas de estratéxicas de cara aos vindeiros anos, e nas que o coidado do benestar da poboación xuvenil será unha das súas prioridades
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2025
O Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas veñen de asinar un convenio de colaboración para a elaboración dun protocolo de acompañamento psicolóxico que ten como destinataria a poboación universitaria galega.
O seu obxectivo principal será velar polo benestar emocional da poboación moza, nun momento da vida no que se producen importantes cambios (nova residencia, distanciamento familiar, maior exixencia académica, etc...). Neste senso, a Xunta destina unha partida de 60.000 euros (20.000€ por universidade) para a realización de actividades formativas e de divulgación.
A saúde mental da poboación galega representa un tema prioritario para o Executivo, que xa traballa na elaboración dun novo plan no que se definirán as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos, e no que o benestar da poboación xuvenil será unha das súas liñas estratéxicas.
Durante os últimos anos, a Xunta desenvolveu diferentes de iniciativas para achegar á poboación galega unha mellor atención no ámbito da saúde mental. Entre outras, ampliou en 240 prazas o número de especialistas deste eido, puxo en marcha unidades de prevención intensiva do suicidio e tamén creou hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil nas sete áreas sanitarias da comunidade.