Rueda anuncia que Galicia contará cunha nova Lei de ciencia e innovación para acompañar o gran crecemento da I+G+i
Sinala que o Consello autoriza o inicio dos trámites desta norma, que se prevé que entre en vigor no 2027, co obxectivo de consolidar a forza da Comunidade neste eido
Potenciará a retención e captación de talento e a transferencia de coñecemento, estimulará a iniciativa privada e incidirá en que a I+D+i chegue a todo o territorio
Crearase unha comisión para a súa redacción cos diferentes departamentos da Xunta implicados e contarase con toda a cadea de valor nun proceso participativo e aberto
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia contará cunha nova Lei de ciencia e innovación que acompañe o gran momento que vive a I+G+i na Comunidade, cun forte crecemento nos últimos anos e o desenvolvemento de proxectos estratéxicos que sitúan á nosa Comunidade nunha “posición punteira”, un dos territorios con maior proxección neste eido.
O titular do Executivo galego comunicou que o Consello da Xunta autorizou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de ciencia e innovación de Galicia para dar resposta aos “novos retos do sector” que están xurdindo e facilitar o seu desenvolvemento.
Tal e como afirmou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, a nova lei, que se prevé que entre en vigor “no ano 2027”, supón un salto cualitativo e cuantitativo, xa que actualiza, integra e fortalece o modelo actual do ano 2013, un “bo marco normativo” que facilitou un período de avance. Desde a experiencia acumulada, apóstase agora por dar un paso máis nunha estratexia de futuro para converter Galicia nun territorio de coñecemento, innovación e talento.
O conselleiro salientou que actualmente a sociedade vive unha transformación potente no eido tecnolóxico e dixital, co desafío dos retos ambientais e a globalización, polo que se precisa un marco normativo renovado e flexible. Esta necesidade é maior no caso de Galicia, a autonomía que, segundo as últimas estatísticas, “máis incrementou o investimento en I+D” con un 28,2%, “duplicando a suba do conxunto do Estado”. Conta, ademais, con 14.000 persoas dedicadas a esta actividade, o número máis alto da historia.
Para iso, Román Rodríguez sinalou que Galicia xa leva tempo traballando de cheo en novas medidas e iniciativas cunha visión integrada a través do Plan de investigación e innovación 2025-2027, que permite coordinar os investimentos da Xunta e da Comisión Interdepartamental de I+D+i que se se encarga de harmonizar as accións das distintas consellerías. Agora, con esta lei configurarase un marco estable e coherente para modernizar o sistema e que garanta a súa sustentabilidade e permita un impacto na economía e na sociedade galega.
Entre as novidades da futura lei, que iniciará a súa tramitación coa consulta pública previa para recibir achegas da sociedade civil, atópanse a regulación de ámbitos como a atracción e retención de talento, a transferencia efectiva de resultados para achegar a ciencia á industria, a innovación empresarial ou a redución da burocracia. Ademais, a Xunta busca estimular a iniciativa privada e o investimento en ciencia para que os resultados acadados nas investigacións teñan un impacto maior, así como conectar a cidadanía coa I+D+i, un dos piares sobre os que debe asentarse o noso benestar. Será tamén relevante a descentralización e o reforzo da innovación territorial a través dos plans locais de I+D+i para levar a ciencia e a innovación a todo o territorio galego.
Cómpre destacar tamén que a nova lei terá en conta o marco normativo estatal, recentemente actualizado, así como a colaboración e cooperación entre centros de coñecemento, o decreto da carreira investigadora, o fortalecemento das infraestruturas científico-tecnolóxicas e o apoio a pequenas e medianas empresas, entre outros bloques.
Proceso de elaboración e participación
Para a tramitación do anteproxecto de lei, a Xunta levará a cabo un proceso participativo e aberto en que se convidará a todos os axentes da I+D+i galega a que acheguen propostas e suxestións. O proceso complétase con mecanismos formais de coordinación institucional entre os que destaca unha comisión de redacción da lei integrada por diferentes departamentos do Goberno autonómico implicados, liderada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Tamén será fundamental a participación da Comisión Interdepartamental de I+D+i, a través do seu grupo técnico, para incorporar aspectos especialmente relevantes nos diferentes ámbitos e asegurar unha coherencia interinstitucional, así como o recentemente aprobado Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia, con profesionais de recoñecido prestixio nestes campos.
A futura Lei de ciencia e innovación de Galicia favorecerá, así, o gran momento que vive a I+G+i, reforzando os grandes fitos que se están acadando nos últimos tempos, como a concesión da fábrica europea de intelixencia artificial 1HealthAI, a construción do novo Centro de Supercomputación de Galicia ou o gran crecemento do sector biotecnolóxico.
O dobre de investimento que en 2013
A necesidade de actualizar o marco normativo de 2013, que contribuíu a este crecemento da I+G+i, reflíctese nas cifras. Segundo as últimas estatísticas, Galicia acadou en 2023 os 963 M€ dedicados a I+D, unha cifra récord que supón o dobre que no ano 2013, facendo que a Comunidade pasará de ter un peso no conxunto do Estado dun 3,6% en 2013 a un 5,4% en 2023, consolidándose como a sétima comunidade autónoma que máis inviste en I+D. Isto tamén se observa no gasto per cápita, que acadou os 355,7 euros en 2023, un 109% máis que unha década atrás.
No que atinxe ás cifras de emprego en I+D, Galicia conta hoxe con 14.000 profesionais, un aumento do 48% desde as 10.800 persoas dedicadas á I+D en 2010. Tamén no sector empresarial se alcanzou un investimento récord: 464 M€, o que supón case un 116% máis que hai unha década. Son datos que o Goberno galego aspira a seguir incrementando nos vindeiros anos e para o que a futura Lei de ciencia e innovación será fundamental.