A Xunta licita por máis de 250.000 € o subministro de equipamento electromédico para o Servizo de Radiofísica do Hospital Público Novo Montecelo

Entre outro equipamento, inclúense os elementos necesarios para a posta en marcha e verificación da técnica de radioterapia estereotáxica extracraneal

Estes equipos son necesarios para a posta en funcionamento dos aceleradores lineais de radioterapia do Novo Montecelo, que evitará a pacientes oncolóxicos desprazamentos a Vigo para recibir atención

O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas nesta contratación remata o 18 de novembro

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 251.438 euros, da subministración de equipamento electromédico con destino ao Servizo de Radiofísica do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.

Dentro da fase inicial de equipamento do novo centro hospitalario, adquirirase equipamento que inclúe fantomas (modelos que imitan as propiedades de tecidos humanos reais usados para probar tratamentos de radioterapia e adestrar profesionais en diversas técnicas).

Tanto os fantomas como outros elementos necesarios permitirán, entre outras cousas, o control de calidade periódico dos feixes de radiación, posta en marcha, control de calidade e verificación de técnicas de simulación do movemento respiratorio e a posta en marcha e verificación da técnica de radioterapia estereotáxica extracraneal (unha técnica na que se administra unha dose moi alta, en poucas sesións).

Estes equipos son necesarios para a posta en funcionamento dos aceleradores lineais de radioterapia do Novo Montecelo, que evitará que arredor de 500 pacientes oncolóxicos ao ano se teñan que desprazar a Vigo para recibir atención.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 18 de novembro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 04/11/2025