A conselleira de Política Social e Igualdade asinou convenios de colaboración cos tres colectivos de profesionais
Fabiola García agradece a colaboración de farmacias, comercios e administradores de fincas para tecer unha rede social coa que combater a soidade non desexada
O obxectivo é informar á poboación da existencia e utilidade do teléfono da soidade non desexada en Galicia, o 900 830 831, chegando ao maior número de persoas posibles e maximizando o seu impacto social
Grazas a estes convenios, ofrecerase información aos galegos e galegas a través das farmacias, en calquera comercio de Galicia e nos inmobles da comunidade
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia da colaboración de todos os sectores da sociedade galega na loita contra a soidade non desexada. Así o asegurou tras asinar tres convenios de colaboración cos representantes dos Colexios de Farmacéuticos de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia e da Federación Galega de Comercio para informar sobre a existencia da central multicanle impulsada pola Xunta.
O obxectivo dos convenios asinados é, segundo destacou a conselleira, “tecer unha rede social de colaboración” para informar á poboación da existencia e utilidade do teléfono da soidade non desexada en Galicia, “chegando ao maior número de persoas posibles e maximizar deste xeito o seu impacto social”. Deste xeito, ofrecerase información aos galegos e galegas a través das farmacias, en calquera comercio de Galicia e nos inmobles da comunidade.
Esta central de atención, que se puxo en marcha en colaboración coa Cruz Vermella, pretende servir de apoio a todas aquelas persoas que se sintan soas, estean onde estean e independentemente da súa situación persoal. Articúlase arredor de tres eixos principais: unha liña telefónica gratuíta atendida por profesionais da Cruz Vermella, no número 900 830 831; un proxecto piloto con 1.000 persoas maiores de 65 anos que recibirán seguimento e acompañamento personalizados; e a creación de puntos presenciais de atención en oficinas da Cruz Vermella por todo o territorio galego.
Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé en que a sinatura destes convenios con tres sectores estratéxicos axudarán “a achegarnos ás persoas que máis o precisan”, poñendo a súa disposición información e recursos, facendo visible a soidade e axudando a detectala, porque todos construímos, sinalou Fabiola García, a Galicia Calidade que nos define”.
Neste sentido, lembrou o pulo dado pola Xunta neste último ano á estratexia galega contra a soidade non desexada: co reforzo de medidas implantadas como o programa Xuntos polo Nadal ou o Xantar na Casa, coa creación da central de atención e impulsando redes de apoio a través de organismos tan importantes como as farmacias, os comercios e os organismos veciñais.