A campaña “Este curso, non perdas este bus” achega a doazón de sangue ata a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo
A ADOS achegará este mércores 5 de novembro o solidario xesto da doazón ata Vigo, co obxectivo de acadar 4.500 doazóns na campaña de doazón nas Universidades galegas durante o presente curso académico
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achegase esta semana ata o campus de Vigo coa campaña “Este curso, non perdas este bus”. Unha unidade móbil da ADOS estacionará no aparcadoiro da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo. O alumnado universitario vigués terá a oportunidade de doar sangue en horario das 09:30 ás 14:30 e das 15.30 ás 21:00 horas na xornada do 5 de novembro.
A ADOS tenta acadar, co solidario compromiso da comunidade universitaria galega, a cifra de 4.500 doazóns de sangue durante o curso académico 2025-2026. Para a consecución deste obxectivo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, realizará máis de 300 visitas a centros dos sete campus das tres Universidades galegas.
Reforzando a solidariedade
Ao longo da xornada do mércores 5 de novembro, a ADOS levará a cabo a campaña especial de doazón “Este curso, non perdas este bus”, que tenta aumentar a sensibilización do colectivo universitario a prol da doazón de sangue.
A Axencia instalará mañá unha montaxe situada na entrada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, consistente nunha parada de bus con paneis informativos sobre o xesto da doazón de sangue, como os requisitos necesarios para participar. O obxectivo desta iniciativa, que está percorrendo os sete campus universitarios, pasa por acadar 4.500 doazóns nas Universidades galegas durante o presente curso académico e aumentar a sensibilidade de colectivo universitario a prol da doazón de sangue.
Positiva evolución
No transcurso do pasado curso académico a Universidade de Vigo acadou 1.378 doazóns de sangue, das que 370 foron persoas que doaron sangue por vez primeira. Por campus, o de Vigo foi o de maior volume de doazóns con 765, seguido polo de Ourense, con 309, e o de Pontevedra con 304 doazóns.
Lembrar, que no pasado curso académico, os 7 campus galegos rexistraron máis de 4.300 doazóns, das que 1.317 foron realizadas por novos doantes, aproximadamente o 30% do total.
Concienciar e sensibilizar
Durante os meses de setembro a novembro, a ADOS desenvolve a primeira fase da campaña de doazón na Universidade, mentres que a segunda fase abranguerá os meses de febreiro, marzo e abril.
As visitas das unidades móbiles estarán precedidas de charlas informativas destinadas a transmitir aos membros da comunidade universitaria a importancia deste xesto solidario, sensibilizando ao alumnado e promovendo a súa activa participación nas campañas de doazón.
A ADOS fai un chamamento á participación de todos os membros da comunidade universitaria en Galicia que ten amosado, ao longo de máis de tres décadas o seu compromiso co solidario xesto da doazón de sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: https://ados.sergas.gal, as súas redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.