A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue convida aos cidadáns a doar sangue nas xornadas previas ao 25 de xullo

A ADOS agradece o compromiso solidario da sociedade galega nas campañas de doazón de sangue e lembra a necesidade de obter 400 achegas diarias para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos

Santiago, 23 de xullo de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembra a necesidade de doar sangue nas xornadas previas e posteriores á celebración do Día de Galicia, xa que as datas festivas poden provocar unha diminución nas reservas dos grupos sanguíneos. Neste sentido, a Axencia lembra que, todos os días do ano, son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.

Para facilitar a participación da cidadanía, a ADOS está desenvolvendo a campaña “Un alento de vida”, que achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.

Colaboración fundamental

A campaña “Un alento de vida” salienta a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevada participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento a todos os galegos e galegas que doan sangue e que teñen posibilitado que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón a nivel estatal, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Ademais, lembra que continúa sendo necesaria a permanente colaboración da cidadanía e que, esta semana, precísanse doazóns de todos os grupos sanguíneos, especialmente A Positivo, O Positivo e O Negativo.

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, as unidades móbiles da ADOS realizarán, no transcurso dos vindeiros días, os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Xoves 23 de xullo

Boimorto, Cantón-Obelisco (A Coruña), Caión e Paiosaco (A Laracha), Fene, Santa Comba, Cervo, O Carballiño, O Grove, Salvaterra de Miño e Tui

Venres 24 de xullo

Cambre, Carballo, Fene, Noia, Rianxo, Vilalba, O Carballiño, Catoira, Tui e Rúa Barcelona (Vigo)

Luns 27 de xullo

Cuatro Caminos (A Coruña), Praza de Armas (Ferrol), O Porto do Son, Freixo e Cruceiro de Roo (Outes), Corme e Pazos (Ponteceso), Meira, Maceda, Rúa do Paseo (Ourense), Salceda de Caselas, As Travesas (Vigo) e Vilanova de Arousa

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026