O presidente da Xunta participou no acto de colocación da primeira pedra do centro
Rueda destaca que a nova facultade de Farmacia vai axudar a seguir promovendo o liderado de Galicia no eido da saúde
Resalta que a Xunta achega a metade do investimento para construír este edificio que ascende a 24 M€
As novas instalacións, que estarán rematadas en 2027, están deseñadas para adaptarse ás necesidades presentes e de futuro do alumnado e o profesorado
A nova facultade terá 21 aulas de docencia teórica, 17 laboratorios de prácticas, aula de informática, zona de cultivos, sala de conxeladores e unha biblioteca con 410 prazas
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou esta mañá que a nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago -da que hoxe se colocou a primeira pedra- vai axudar a seguir promovendo o liderado de Galicia no eido da saúde.
Durante a súa intervención, Rueda sinalou que este é o “final de toda a tramitación administrativa” e que toca “poñerse a traballar a reo”. O novo edificio contará cunhas instalacións deseñadas e adaptadas ás necesidades actuais e futuras dos estudantes, o profesorado e os investigadores. O obxectivo é garantir unha ensinanza de calidade para formar aos mellores profesionais e impulsar unha cadea de valor cara a innovación tecnolóxica, a investigación biosanitaria e o emprego cualificado na comunidade.
En concreto, a nova facultade de Farmacia -que estará ubicada na Cidade da Saúde- terá 21 aulas de docencia teórica, 17 laboratorios de prácticas, aula de informática, zona de cultivos, sala de conxeladores e unha biblioteca con 410 prazas. Ademais, está deseñada para ser modelo de eficiencia enerxética con fachadas acristaladas, cuberta vexetal, sistema de aerotermia ou paneis solares.
Investimento
A nova facultade supón un investimento de 24 millóns de euros, dos que a metade -12 M€- tal e como sinalou o presidente, son achegados pola Xunta a través do Plan de infraestruturas 2023-2026, que destina 56 millóns de euros a promover a construción ou renovación de instalacións nas tres universidades públicas.
Nesta liña, Rueda lembrou a aposta da Xunta por dar estabilidade financieira a medio e longo prazo aos campus galegos con estas achegas ou o Plan de financiamento 2022-2026 que vai mobilizar 3.100 millóns de euros. Unhas medidas que permitiron que Galicia fose a primeira comunidade en destinar o 1% do seu PIB ao eido universitario.
A previsión, tal e como explicou o titular do Executivo galego, é que a nova facultade de Farmacia -que dará servizo aos máis de 1.500 alumnos matriculados nalgunha das ensinanzas que se ofertan no centro- sexa unha realidade en 2027. Será un exemplo, tal e como resaltou, dun proxecto que “é dos que constrúen cidade e dos que constrúen Galicia”.
Ademais, o presidente agradeceu a “paciencia, comprensión e confianza” de todos os implicados e salientou a importancia da unidade e coordinación entre as tres universidades galegas, algo que será bo para “os galegos e galegas que as sosteñen”.