A Xunta reafirma o compromiso coa mellora da atención sanitaria do Barbanza coa dotación dunha nova ambulancia medicalizada no primeiro trimestre de 2026

O conselleiro de Sanidade explica que no centro de saúde da Pobra do Caramiñal actualmente están cubertas cinco prazas de médico de familia de forma efectiva e a cota da sexta praza é asumida polo resto de facultativos, ante o déficit de profesionais

Refire que o Servizo Galego de Saúde conseguiu contratar a dous médicos de familia que comezaron o pasado luns a cubrir unha vacante e unhas vacacións

Subliña que os cinco facultativos dispoñibles pode acadarse a media de 1.550 cidadáns por cada médico, establecidas como referencia polo Ministerio de Sanidade e das sociedades científicas

Incide en que os recursos asistenciais están organizados para garantir a mellor cobertura sanitaria e tratando de non sobrecargar innecesariamente os profesionais

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025

O compromiso da Xunta coa mellora da atención sanitaria da veciñanza da Pobra e de toda a comarca do Barbanza queda reflectido nos Orzamentos da Consellería de Sanidade para o vindeiro ano, nos que o Executivo galego reserva un investimento de 460.000 euros para a dotación dunha nova ambulancia medicalizada, que estará funcionando no primeiro trimestre de 2026.

Así o subliñou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta, engadindo que esa nova ambulancia dará cobertura aos concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.

Gómez Caamaño detallou que, no centro de saúde da Pobra do Caramiñal actualmente están cubertas cinco prazas de médico de familia de forma efectiva e a cota da sexta praza é asumida polo resto de facultativos.

Ao respecto deste tema, lembrou que non existen médicos de familia nas listas de contratación, posto que o Goberno Central permanece impasible ante o déficit de facultativos de atención primaria.

Diante do déficit de profesionais, o Servizo Galego de Saúde conseguiu contratar a dous médicos de familia que comezaron o pasado luns a cubrir unha vacante e unhas vacacións na Pobra do Caramiñal.

Con cinco facultativos dispoñibles, Gómez Caamaño explicou que corresponde unha media de 1.550 cidadáns por cada médico, o que sitúa as cotas dentro das referencias establecidas polo Ministerio de Sanidade e das sociedades científicas como axeitadas. Respecto da pediatría, o conselleiro referiu que non hai demora, atendéndose no propia día.

Recursos asistenciais ordenados

O titular da carteira sanitaria explicou que os recursos asistencias están ordenados e distribuídos de tal xeito que se garanta a mellor cobertura a toda a poboación e tratando de non sobrecargar innecesariamente aos profesionais.

Así, cando un veciño da Pobra do Caramiñal ten unha urxencia pode acudir directamente ao médico de familia no horario da súa cota, e se a urxencia se dá fora do horario do seu médico, debe acudir ao PAC de Ribeira, aberto desde as tres da tarde.

Se a urxencia é pola noite, a partir das 10 e ata as 8 da mañá, ou en sábado, domingo ou festivo, o paciente debe acudir ao PAC da Pobra do Caramiñal.

O conselleiro incidiu en que este é o horario que sempre tivo establecido para o PAC da Pobra, de luns a venres de 10 da noite a 8 da mañá; e sábados, domingos e festivos, dispoñible 24 horas.

Investimentos da Xunta

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro dixo que o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade nesta comarca queda plasmado tamén na recente adxudicación dunha nova sala de raios robotizada para o Hospital do Barbanza, coa que se mellorará a precisión diagnóstica.

A esta sala hai que engadir un sistema de radioloxía portátil que comezará a funcionar no mes de decembro, ademais da compra dun mamógrafo para o que están reservados nos presupostos 326.000 euros.

Engadido a todo o anterior, antes de que remate o ano, a Xunta licitará a redacción do proxecto do hospital de día oncohematolóxico, evitando desprazamentos de pacientes de cancro ao Clínico de Santiago de Compostela.

Tamén se procederá á mellora da eficiencia enerxética do hospital cun millón de euros que se reservan nas contas do vindeiro ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2025