A Xunta avanza nos procesos de reestruturación parcelaria de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Castroverde
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presidiu o comité asesor que deu o visto bo aos plans de ordenación de predios e á continuidade dos proxectos en San Fiz de Paz, Viladonga e Riomol
Lugo, 5 de novembro de 2025
O Comité técnico asesor de reestruturación parcelaria da provincia de Lugo deu hoxe o seu respaldo aos procesos que están en marcha nas parroquias de San Fiz de Paz (Outeiro de Rei), Viladonga (Castro de Rei) e Riomol (Castroverde). O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presidiu a reunión na que se avaliaron favorablemente os Plans de ordenación de predios de especial vocación agraria e a continuidade da tramitación.
Arias explicou que a Xunta cumpre así cun trámite indispensable previo á aprobación das bases de reestruturación parcelaria de cada zona. Forman parte do comité representantes de distintos departamentos da Administración autonómica, da Administración do Estado e da local, ou das organizacións profesionais agrarias, entre outros.
A reestruturación parcelaria de San Fiz de Paz ordenará unha superficie de máis de 1.120 hectáreas, a de Viladonga comprende 577 hectáreas e a de Riomol suma 523. O delegado destacou que “reorganizar a propiedade da terra, distribuída en centos de pequenas parcelas, facilitará un aproveitamento agrícola e forestal máis eficiente”.
Ao respecto, lembrou que a Xunta combina o desenvolvemento destes procesos coa aposta polo Banco de terras, “dúas vías que pretenden aumentar a base territorial das explotacións para que poidan medrar e ser máis competitivas”.