O presidente da Xunta visitou o IES de Canido en Ferrol
Rueda pon en valor que limitar o uso dos móbiles contribúe a mellorar a convivencia nos centros
Lembra que o Goberno galego comezou a regular o seu uso nas aulas hai xa unha década
Destaca que a medida está avaliada pola comunidade educativa e enmarcada nunha estratexia global de sensibilización e formación
Ferrol, 6 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que limitar o uso dos teléfonos móbiles contribúe a mellorar a convivencia nos centros segundo sinala a inmensa maioría da comunidade escolar galega.
Durante a súa visita ao IES de Canido, en Ferrol, o titular do Goberno galego lembrou que hai xa unha década a Xunta comezou a regular o uso dos móbiles nas aulas. Un proceso que culminou no ano 2024 co “paso definitivo e pioneiro en España” de limitar os dispositivos durante toda a xornada, en clases, recreos, comedores e actividades extraescolares, condicionando o seu uso a certas excepcións como situacións pedagóxicas, pautadas por un docente e baixo a súa supervisión.
Esta medida enmárcase nunha estratexia global destinada a mellorar a convivencia nos colexios con accións de sensibilización, formación para as familias e protocolos para previr o uso inadecuado das tecnoloxías e dos seus efectos nos máis novos.
O presidente destacou que a decisión de limitar o uso dos dispositivos “tivo un efecto positivo” no alumnado e está ademais avaliada pola comunidade educativa posto que, segundo anunciou, a V Macroenquisa de Convivencia Escolar, na que se pregunta por primeira vez por esta cuestión, conclúe que o 84% do profesorado e o 86% das familias consideran que a medida contribuíu a mellorar a convivencia nos centros.
Convivencia nas escolas
No Día internacional contra a violencia e o acoso na escola segundo a UNESCO, cómpre lembrar que ao abeiro da Estratexia galega de convivencia escolar 2025 tamén se están a impulsar outras accións como o Plan contra o acoso e o ciberacoso. Dentro del, este curso púxose en marcha o Termómetro Acoso Escolar, unha nova aplicación que os equipos directivos e os docentes poden aplicar en calquera momento para identificar situacións concretas sobre convivencia.
Ademais, instaláronse Puntos Laranxas, caixas de correo físicas e dixitais para denunciar posibles casos de xeito anónimo, en todos os centros de ensino. Esta medida rexistra xa unha gran acollida por parte da comunidade escolar, dado que máis do 70% do profesorado e do 63% das familias pensan que esta ferramenta contribuíu a sensibilizar sobre o acoso, segundo a V Macroenquisa de Convivencia Escolar.
A maiores, estase a desenvolver, en colaboración coa FEGAMP, outra medida pioneira, a próxima posta en marcha da Rede de concellos contra o acoso escolar, co obxectivo de artellar recursos, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado aos centros, alumnos e familias en prol dunha intervención máis rápida e efectiva.