Belén do Campo destacou o compromiso de Touro coa economía circular coa posta en funcionamento dun punto limpo móbil que contou cun apoio da Xunta de case 60.000€

Con este tipo de achegas a Xunta segue demostrando o seu apoio aos concellos rurais para que poidan ofrecer servizos modernos e á altura do que demanda actualmente a veciñanza

Touro (A Coruña), 6 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Touro, Jesús Reboredo, visitou esta mañá o Concello para comprobar o funcionamento do novo punto limpo móbil municipal posto en marcha polo concello grazas a un apoio da Xunta de case 60.000 euros destinado a favorecer a prevención, a recollida separada e a adecuada clasificación dos residuos, concedida en concorrencia competitiva por anticipado de gasto. Ademais, o feito de contar cunha bandeira verde contribuíu a sumar puntos á hora de acceder a esta axuda.

Tras destacar que este novo servizo, que consiste nun todo terreo cen por cen eléctrico e un remolque,  dará cobertura aos case 3.400 veciñas e veciños do municipio, a delegada explicou que os puntos limpos son instalacións clave para avanzar nunha xestión sostible e eficiente de residuos urbanos de diversa tipoloxía (como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e enseres domésticos, restos de podas, vidro, madeira, etc) que non contan con contedores específicos para a súa recollida e, polo tanto, quedan fóra do sistema ordinario.

Os conceptos subvencionables desta liña de axudas ademais dos puntos limpos móbiles, inclúe tamén a adquisición de equipos ou elementos complementarios para a función que prestan os puntos móbiles, a compra da básculas para pesar os residuos recollidos, a adquisición de elementos de información no propio punto limpo sobre as condicións de entrega e a formación para o persoal  do punto limpo móbil.

Para acceder a esta subvención a entidade local tivo que acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo con instalacións de puntos limpos autorizadas ou ben directamente a través de acordos cos xestores de residuos autorizados.

De feito, salientou que só ao abeiro da convocatoria de axudas deste ano, da Consellería de Medio Ambiente para a financiación de actuacións destinadas en materia de residuos de competencia municipal concedeu un total de 2,6 millóns de euros a 63 entidades locais de Galicia para colaborar no financiamento de melloras nos puntos limpo; adquisición de puntos limpos de proximidade; compra de puntos limpos móviles e proxectos de construción e mellora de instalacións e preparación para reutilización e/ou autorreparación e intercambio de obxectos ou utensilios diversos como electrodomésticos, roupa ou xogetes, entre outros.

Na provincia da Coruña estas achegas chegaron a 41 axudas en 36 concellos,por un importe de máis de 1,2 millóns de euros e na comarca de Arzúa beneficiáronse ademais de Touro, o Concello de O Pino, cunha achega de 6.750 euros para actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade.

Con este tipo de achegas, apuntou Belén do Campo, a Xunta segue demostrando o seu apoio aos concellos rurais para que poidan ofrecer á veciñanza servizos modernos e á altura do que demanda actualmente a veciñanza.

Por iso, a representante do Goberno  autonómico considerou imprescindible continuar por este camiño e seguir brindando apoio económico ás administracións locais para axudalas a avanzar na redución da produción de residuos, no incremento da reciclaxe e no fomento da concienciación ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2025