A Xunta amosa a Francisco López Rupérez a innovación que se está a xestar no sistema educativo galego
Román Rodríguez asiste á conferencia do ex presidente do Consello Escolar do Estado e acompáñao na súa visita ao Centro de Innovación Educativa e Dixital
Achégase de primeira man o proxecto EdugalIA, que recoñece como a mellor iniciativa educativa en España co uso da intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao expresidente do Consello Escolar do Estado Francisco López Rupérez nunha visita a Galicia na que tivo tempo de ofrecer un relatorio ante un centenar de directores e directoras de centros escolares, manter un encontro de traballo e visitar o Centro de Innovación Educativa e Dixital.
En primeiro lugar, tivo lugar a conferencia Equipos directivos: retos na función directiva, celebrada no Centro Integrado de FP Compostela como parte das actividades do Plan anual de formación do profesorado, onde o conselleiro acudiu acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. O obxectivo da charla é ofrecer a visión experta deste profesional de recoñecido prestixio ás persoas que ocupan por primeira vez estas responsabilidades nos centros educativos na nosa Comunidade.
A conferencia enmárcase na actividade de Mentoría de novos directores que impulsa por segundo ano consecutivo a Consellería, na que este ano participan 112 directores, máis do dobre ca o ano pasado. Nela, directores con gran experiencia no cargo e prestixio guían aos novos nos retos e desafíos deste labor tan importante para o ensino.
No marco da súa visita a Galicia, Francisco López Rupérez coñeceu tamén un dos centros insignia no que se están a xestar as novas metodoloxías educativas, o Centro de Innovación Educativa e Dixital, creado pola Xunta para facer fronte aos retos de futuro e á modernización da ensinanza e con sede no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.
Nel están a desenvolverse iniciativas como EdugalIA, que empregará a intelixencia artificial na gobernanza do sistema educativo con iniciativas concretas como a creación do expediente dixital único ou a prevención do abandono escolar. Precisamente, López Rupérez recoñeceuno este ano nun artigo como o mellor proxecto educativo que se está desenvolvendo en España co uso da intelixencia artificial. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou tamén na visita a este centro, onde tamén se proban iniciativas de ensino dixital antes de incorporalas ás aulas galegas ou se desenvolve o programa Creagal de recursos educativos en aberto.
Biografía do poñente
Nado en Madrid en 1949, Francisco López Rupérez é doutor en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense de Madrid e catedrático de Instituto. Foi director do Liceo Español de París, presidente do Consello Escolar do Estado, ocupou varios cargos no Ministerio de Educación e foi conselleiro de Educación nas delegacións permanentes de España ante a OCDE e ante a UNESCO, entre outras responsabilidades. Na actualidade, é director da Cátedra de Políticas Educativas da Universidade Camilo José Cela.
Autor de máis dunha decena de libros e preto dun centenar de artigos sobre educación e políticas educativas, na súa obra destacan temas como a calidade e equidade no ensino, a participación da comunidade educativa, a xestión de centros ou a necesidade de que o ensino se adapte ás demandas derivadas dos cambios sociais. Ademais, ao longo da súa traxectoria participou de xeito activo no debate público sobre reformas educativas en España, tanto desde a administración como desde a reflexión académica. É Premio Nacional de Innovación e Investigación Educativa e está en posesión da Gran Cruz ao mérito civil da Orde de Afonso X o Sabio.