A Xunta presenta no estado brasileiro de Paraná as vantaxes do retorno como unha oportunidade de futuro tanto para quen volve como para Galicia

O secretario xeral da Emigración vén de visitar por primeira vez a cidade brasileira de Curitiba, onde informou sobre a Estratexia Galicia Retorna da Xunta a un grupo de residentes nese país interesados en volver á nosa Comunidade

Antonio Rodríguez Miranda tamén mantivo un encontro de traballo co xefe de Asuntos Internacionais e Protocolo da cidade de Curitiba, con quen coincidiu na necesidade de fortalecer os lazos institucionais co Brasil

Mentres, na súa visita á biblioteca Rosalía de Castro do Instituto Cervantes de Curitiba, puxo en valor o papel da autora como símbolo da conexión entre Galicia e o mundo

Curitiba (Brasil), 7 de novembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de visitar a cidade brasileira de Curitiba, onde informou sobre a Estratexia Galicia Retorna da Xunta a un grupo de residentes nese país interesados en volver á nosa Comunidade. Durante o encontro, explicáronse as principais liñas de apoio autonómicas, con especial atención ás axudas ao emprendemento, ás bolsas de posgrao BEME e ao programa Retorna Cualifica Emprego.

Miranda destacou —no caso deste último programa— que permite aos galegos do exterior volver á súa terra cun contrato de traballo xa asinado, grazas á colaboración coa rede empresarial galega e coas oficinas de asesoramento ao retorno. Subliñou ademais que “Galicia precisa do talento e da experiencia acumulada pola súa diáspora, e estamos a crear as condicións para que o regreso sexa sinxelo, estable e con futuro”.

A sesión serviu tamén para resolver dúbidas sobre vivenda, educación e inserción laboral, e para dar a coñecer os servizos de asesoramento e acompañamento personalizado dispoñibles para quen decide volver. Nese senso, cómpre sinalar que —desde a súa posta en marcha— a Oficina de Asesoramento e Seguimento ao Retorno atendeu preto de 1.800 persoas procedentes do Brasil.

O Brasil é o segundo país con maior número de cidadáns galegos residentes, e o estado do Paraná concentra unha comunidade relevante. Por este motivo, a Xunta de Galicia mantén unha liña permanente de diálogo coa colectividade galega nesta rexión co gallo de atender as súas necesidades e facilitar o regreso das familias que desexan retomar o seu proxecto vital en Galicia.

Colaboración institucional

O secretario xeral da Emigración tamén mantivo nas últimas horas un encontro de traballo co xefe de Asuntos Internacionais e Protocolo da cidade de Curitiba, Rodolpho Feijó, con quen analizou posibilidades de colaboración en materia cultural e social, así como en relación ao fortalecemento dos vínculos coa colectividade galega asentada nesta cidade brasileira. O secretario xeral destacou o valor destas reunións “para consolidar os lazos históricos e afectivos que unen a Galicia co Brasil, especialmente a través das súas comunidades e das novas xeracións de galegos no exterior”.

A maiores, Rodríguez Miranda visitou a biblioteca Rosalía de Castro do Instituto Cervantes de Curitiba, interesándose polo labor desta institución na difusión da cultura hispánica e, en particular, pola presenza de autoras e autores galegos e de obras en lingua galega no seu fondo bibliográfico. Nese senso, o responsable autonómico puxo en valor o papel que desempeñan centros como o Instituto Cervantes na proxección internacional da nosa cultura e subliñou que “a figura de Rosalía de Castro simboliza perfectamente esa conexión entre Galicia e o mundo, un vínculo que queremos seguir fortalecendo tamén en Brasil”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025