Aneiros lembra a existencia dos `Puntos Laranxa´ contra o acoso escolar nos centros educativos galegos
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao CEIP Cruceiro de Canido onde destacou esta medida para acadar uns centros educativos seguros, inclusivos e respectuosos
Destacou a posta en marcha este curso dunha nova ferramenta, o Termómetro Acoso Escolar
Ferrol, 7 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia continúa traballando no desenvolvemento do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar 2023-2025 que contempla unha serie de medidas entre as que destaca a instalación de “puntos laranxa”, co obxectivo de acadar uns centros educativos “seguros, inclusivos e respectuosos nos que a meta sexa a tolerancia cero ante calquera forma de violencia e discriminación”. Así o sinalou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na súa visita ao CEIP Cruceiro de Canido, de Ferrol, para lembrar a existencia destes recursos.
Todos os centros escolares sostidos con fondos públicos contan cun “punto laranxa” contra o acoso escolar, tanto físico nas propias instalacións educativas como virtual a través das webs de cada centro. Ademáis, teñen unha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, funcionando como unha caixa de correo a través da que o alumnado poderá comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
Existe un equipo de actuación encargado de xestionar todas as denuncias ou comunicacións integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro.
Termómetro Acoso Escolar
Aneiros aproveitou para lembrar a posta en marcha este curso dunha nova ferramenta, o Termómetro Acoso Escolar, que contribuirá a unha mellor detección e prevención deste tipo de situacións. Trátase dun cuestionario dixital que os docentes poderán activar en calquera momento do curso, tanto nunha aula concreta como en todo o centro, ante unha sospeita dunha posible conduta contraria á convivencia entre o alumnado e que pode ser utilizada nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP.
Unha vez que o alumnado complete o cuestionario, xérase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisión pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.
Aneiros anotou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional “segue avanzando así no desenvolvemento do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que este curso se reforza non só con esta ferramenta senón tamén coa nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar na que se está a traballar, así como en outras medidas que podan derivar dos resultados da quinta macroenquisa de convivencia que se está procesando”, indicou a delegada.