Un equipo internacional e multidisciplinar de expertos asume a instalación dos equipos do Centro de Protonterapia de Galicia
A multinacional Iom Beam Applications (IBA) habilita unha oficina nas novas instalacións de Santiago de Compostela, onde traballan nove profesionais de diferentes perfís e nacionalidades para encargarse da instalación do equipamento
Logo da chegada a Santiago de doce colectores o pasado mes de outubro, en Bélxica ultímanse os traballos para o envío do ciclotrón, que chegará a Galicia polo porto de Vigo
A Xunta traballa co obxectivo de atender os primeiros pacientes a finais de 2026, situando Galicia como a primeira comunidade en aplicar esta terapia na sanidade pública
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
Un equipo internacional e multidisciplinar de expertos asume a instalación dos equipos do Centro de Protonterapia de Galicia que a Xunta está a executar en Santiago de Compostela.
O equipo está formado por nove profesionais de diferentes perfís, desde enxeñeiros, físicos expertos en aceleradores ou administrativos, e de distintas nacionalidades: checa, italiana, taiwanesa, británica e española.
O equipo de traballo será o encargado da instalación do equipamento ProteusOne, despois da chegada a Santiago de doce colectores con materiais de Ion Beam Applications (IBA) e a concesión do certificado de inspección técnica.
O equipo permanecerá en Galicia durante os 12 meses que dura o proceso de instalación e posta en marcha do ciclotrón. Ademais, ata finalización da instalación de protonterapia, este equipo local contará co apoio de máis de 20 técnicos das distintas empresas auxiliares de IBA que participan nas diferentes fases da instalación.
Chegada do ciclotrón polo porto de Vigo
Despois de 18 meses do inicio da obra, con dous búnkeres construídos, a fase actual consiste na instalación de todo o equipamento necesario, xunto co acelerador ciclotrón, que xa está a ultimarse para o seu envío desde Bélxica ata as novas instalacións situadas ao carón do Hospital Clínico de Santiago. Está prevista a súa chegada a Galicia a través do porto de Vigo.
Desta forma, o proxecto do Centro de Protonterapia de Galicia é o que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde. A Consellería de Sanidade prevé poder tratar os primeiros pacientes a finais do vindeiro ano.
A Xunta está a investir case 20 millóns de euros na execución das obras do edificio de protonterapia, que se dotará co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.
Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.