O conselleiro de Sanidade interveu no acto de homenaxe ao médico xubilado, que organiza o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra
Gómez Caamaño convida aos médicos colexiados a participar no deseño do mellor modelo de atención sanitaria ante os reto da falta de profesionais e a oportunidade do avance tecnolóxico
Lembra o compromiso da Xunta para reformar a Lei de Saúde de Galicia coa fin de elevar ao máximo rango normativo a protección fronte ás agresións ao persoal da sanidade
Destaca que o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra é un referente do que saíron profesionais que engrandeceron o nome da medicina galega
Agradece a traxectoria e compromiso exemplar dos 70 médicos e médicas homenaxeados
Vigo, 7 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou aos médicos colexiados a participar no deseño do mellor modelo asistencial para garantir a atención sanitaria á cidadanía ante os retos da falta de facultativos e a oportunidade da innovación tecnolóxica.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu no acto de homenaxe ao médico xubilado que organiza o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, no que se homenaxea a 70 médicos e médicas, aos que o conselleiro agradeceu a súa traxectoria e compromiso exemplar.
Gómez Caamaño incidiu en que o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra é un referente do que saíron profesionais que engrandeceron o nome da medicina galega.
Na súa intervención, o máximo responsable da saúde da cidadanía galega puxo en valor o respecto que merecen todos os profesionais da sanidade, resultando inaceptable que poidan sufrir agresións de ningún tipo.
Ao respecto deste tema, Gómez Caamaño lembrou que a Xunta adquiriu un compromiso para reformar a Lei de Saúde de Galicia, elevando ao máximo rango normativo a protección fronte ás agresións ao persoal da sanidade. O conselleiro agarda que moi pronto haxa pasos adiante neste eido, posto que a seguridade deste colectivo é unha prioridade absoluta para o Executivo galego.