A Xunta impulsa ata 250 obradoiros formativos dirixidos ás familias en materia de educación dixital
Educación e Amtega lanzan o programa ‘Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade’ para a mellora da convivencia e do ensino híbrido
O obxectivo é proporcionar ás nais e pais ferramentas e coñecementos para acompañar e orientar aos seus fillos no uso seguro e responsable das tecnoloxías
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia vén de lanzar o programa educativo Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, que contempla ata un total de 250 obradoiros formativos dirixidos ás familias co fin de proporcionarlles ferramentas e coñecementos que lles permitan acompañar e orientar aos seus fillos no uso seguro, responsable e proveitoso das tecnoloxías no ámbito familiar e lúdico.
Con este novo programa, enmarcado na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, o Goberno galego reforza o papel fundamental que xoga a contorna familiar para avanzar no benestar e a convivencia coas novas tecnoloxías ao tempo que se avanza na aposta polo ensino híbrido en Galicia, onde se combinan os métodos tradicionais de aprendizaxe cos dixitais, aproveitando as potencialidades que ofrecen estas últimas. Precisamente, no que atinxe ao afianzamento deste modelo, un dos puntos nos que se fai fincapé é no traballo coas familias no eido da información, o benestar dixital e a seguridade.
Nesta liña, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de abrir a convocatoria para que os centros educativos se adhiran a este programa que consiste nun obradoiro, de carácter eminentemente práctico, no que se abordará a xestión seguira e responsable dos dispositivos electrónicos e das redes sociais que habitualmente empregan os menores.
Os centros teñen de prazo ata o día 25 de novembro para presentar as solicitudes a través do enderezo asesoria.participacióneducativa@edu.xunta.gal.
Familias de alumnos de entre 10 e 18 anos
Menores conectados está dirixido ás familias de alumnos de entre 10 e 18 anos, que poden participar nos obradoiros a través do seu centro educativo de referencia.
Os obradoiros, a razón de un por centro, desenvolveranse entre decembro deste ano e xuño de 2026. Trátase de formacións presenciais de hora e media de duración para grupos de entre dez e 50 persoas, que impartirán especialistas.
Neles abordaranse cuestións como os riscos dixitais máis frecuentes e a súa prevención, aprender a configurar ferramentas de privacidade e seguridade en redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles, explorar opcións de acompañamento dixital e supervisión dixital, descubrir estratexias para xestionar o tempo de pantalla de forma saudable e entender a pegada dixital e como ensinar aos menores a coidar a súa privacidade na internet. Todo isto acompañado de recursos prácticos para que as familias poidan aplicar o aprendido de xeito inmediato.
Este programa enmárcase dentro do paquete de accións da Xunta para a mellora do ensino híbrido en Galicia, que abrangue contidos, formación do profesorado, benestar dixital do alumnado, seguridade e xestión formación e información ás familias. Precisamente agora, atendendo a unha demanda das propias familias refórzase este último punto, co desenvolvemento de accións formativas específicas para as nais e pais nos propios centros escolares. Trátase, por tanto, de reforzar o seu coñecemento dixital para xerar maior confianza e seguridade no uso das novas tecnoloxías.