Belén do Campo anuncia a renovación do ascensor do CEIP Milladoiro que conta cun investimento de máis de 36.000€
Concretamente, neste centro educativo a actuación permitirá substituír o antiguo elevador por un novo equipamento adaptado á normativa vixente reforzando a seguridade e a accesibilidade do centro educativo
A representante do Goberno autonómico galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado”
Malpica (A Coruña), 6 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e pola directora do centro, Ana Seoane, visitou esta mañá, o CEIP Milladoiro para anunciar unha actuación de renovación do seu ascensor cun investimento de máis de 36.000 euros, no marco do Plan Ben_Estar 2026, co obxectivo de seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa. Este CEIP conta con 154 alumnos e foi construído fai 36 anos, sendo un centro moi activo xa que o ano pasado participaron en programas como E-Dixgal, Lectura e Familias, Navega con Rumbo, Plambe, Plan Proxecta, Polos Creativos ou Radio Biblio.
Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.
Concretamente, a intervención consistirá na instalación dun novo ascensor cunha unha capacidade para oito persoas e dispón de tres paradas con embarque sinxelo, facilitando a comunicación entre as diferentes plantas do edificio. Ademais, incorpora un sistema de nivelación de precisión e comunicación bidireccional na cabina para reforzar a seguridade das persoas usuarias.
Entre as melloras executadas inclúense tamén a instalación de portas automáticas telescópicas de dúas follas con acabado en aceiro inoxidable e unhas dimensións que garanten a accesibilidade universal.
Con este novo ascensor está previsto un aforro do coste enerxético do 75% e a previsión é que esté en funcionamento o vindeiro mes de outubro.
Durante a visita, a delegada territorial destacou que “a Xunta continúa investindo na mellora das infraestruturas educativas para garantir que o alumnado e o conxunto da comunidade escolar dispoñan dunhas instalacións modernas, seguras e plenamente accesibles”.
Belén do Campo subliñou que son “actuacións moi necesarias que se executan durante o período estival. Neste caso, o departamento educativo da Xunta ten previsto un paquete de 329 obras en toda Galicia por un importe de 7,2 millóns de euros”. Na provincia da Coruña este Plan Ben_Estar contempla 162 obras por un importe de case 2,8 millóns de euros. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte realizaranse 35 actuacións nos concellos de Malpica, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Coristanco, Laxe, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Dumbría, Ponteceso, Vimianzo, Zas cun importe de máis de máis de 630.000 euros.
A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.
Finalmente, Belén do Campo reiterou que a Xunta continuará impulsando actuacións de mellora nos centros educativos da provincia da Coruña, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado e do profesorado.