A Xunta destaca en Ferrol o valor da FP para cualificar profesionais en todos os sectores

A directora xeral de FP e a delegada territorial da Xunta participan no acto de graduación dos alumnos da Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña

Ferrol, 7 de novembro de 2025

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron hoxe no acto de graduación da promoción dos alumnos dos ciclos superiores de FP da Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña. En concreto, entregáronse os diplomas aos titulados nos ciclos de grao superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura, en Administración e Finanzas e en Dirección de Cociña.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que exerceu como madriña destas promocións, salientou o valor da FP na cualificación de profesionais en todos os ámbitos da sociedade e para todos os sectores. Neste sentido, destacou a súa importancia no ámbito militar, “un entorno que esixe disciplina, formación técnica e compromiso”, dixo.

Puxo en valor, así mesmo, a aposta que a Xunta está a facer pola FP, “que vive nunha dinámica constante de modernización e adaptación ás novas demandas dos empregadores, o que redunda nun incremento moi considerable do seu prestixio nos últimos anos”.

Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé no incremento do interese da cidadanía nestas ensinanzas. Non en balde, o sistema educativo galego acadou este curso un novo récord histórico de alumnos nos ciclos e másteres, con máis de 71.200 matriculados. Isto supón un incremento do 3,5% respecto do ano pasado e máis do dobre ca no curso 2008/09. Na área de Ferrol hai este curso 5.042 matriculados, un 3,6% máis ca o curso anterior.

No transcurso do acto, que estivo presidido polo comandante director da Escola, José Manuel Faraldo Sordo, entregouse tamén o premio á alumna con mellor expediente académico de toda a brigada, Beatriz Otero González (ciclo superior en Administración e Finanzas). Tamén aos mellores expedientes dos outros dous ciclos para Tamara Romina Corbo Bozzola e María Isabel García Campanario (Transporte Marítimo e Pesca de Altura) e Joanna Lanzas Falcón (Dirección de Cociña). Así mesmo, houbo un galardón para o mellor compañeiro, ao alumno Daniel Jérica Sánchez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025