A Xunta destaca no Brasil o valor da colaboración coas entidades locais para fortalecer os lazos coa comunidade galega no exterior

O  secretario xeral da Emigración reuniuse en São José do Rio Preto co alcalde do municipio, Fábio Candido, e posteriormente visitou a sede da Casa de España, onde mantivo un encontro co seu equipo directivo e coa colectividade

São José do Rio Preto (Brasil), 8 de novembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse en São José do Rio Preto co alcalde do municipio, Fábio Candido, e posteriormente visitou a sede da Casa de España, onde mantivo un encontro co seu equipo directivo e coa colectividade no marco da súa viaxe a Brasil. No marco de ambas xuntanzas puxo de relevo a importancia da colaboración coas entidades locais para fortalecer os lazos coa comunidade galega no exterior.

No encontro co alcalde, abordáronse as posibilidades de reforzar os lazos entre Galicia e a colectividade galega residente nesta cidade brasileña. Neste sentido, Miranda subliñou o papel fundamental que xogan estas relacións locais no exterior para apoiar ás familias galegas, fomentar a colaboración cultural, social e económica con Galicia e promover o retorno.

En canto á visita á Casa de España de São José do Rio Preto, Miranda interesouse polas actividades culturais e sociais que desenvolve a entidade, que segue a ser un punto de encontro para os galegos residentes no interior do país. O responsable autonómico destacou o compromiso desta institución coa preservación da cultura de orixe dos emigrantes, subliñando que “o traballo que realizan centros coma este é fundamental para manter viva a nosa cultura e transmitir ás novas xeracións o orgullo de pertencer a Galicia, estean onde estean”.

Este tipo de encontros permiten á Xunta de Galicia afondar no acompañamento aos colectivos galegos, establecer acordos de cooperación e reforzar a estratexia de retorno e de mantemento da galeguidade no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2025