A Xunta promociona a industria conserveira galega e os nosos produtos agroalimentarios artesanais na `IX Etiqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego`

A conselleira do Mar, Marta Villaverde destacou que se trata “dunha feira única, sinónimo da Galicia Calidade que representan os produtos de alta gama do mar

Na cita tamén están presentes 29 produtores adheridos ao distintivo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria para dar a coñecer as súas elaboracións entre os asistentes

Pontevedra, 8 de novembro do 2025.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou este sábado na inauguración da novena edición de Etiqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego, na que a Xunta promociona a industria conserveira da comunidade, a través do stand de GALICIA SABE AMAR, e tamén os nosos produtos agroalimentarios artesanais.

No expositor da Consellería do Mar sitúanse ata oito empresas deste sector, que levan a Pontevedra algunhas das súas principais propostas gastronómicas, e que son: Mareterra conservas, Algas La Patrona, Contrabando da Ría, Conservas Artesanas Gallegas, Conservas Lago Paganini, Pepa A Loba, OPP-95 Noia e Mariscadora.

A responsable autonómica destacou que “é unha feira única, sinónimo da Galicia Calidade que representan os produtos de alta gama do mar”, pois nela danse cita expositores, exportadores, distribuidores tendas e restauradores. “O foro perfecto” -dixo- “para reivindicar o papel da nosa costa como unha das despensas máis ricas e diversas do Atlántico, algo que sempre puxemos en valor, entendendo o litoral galego como o gran provedor de recursos mariños de Europa”. O salón reúne alta cociña, tradición e vangarda, no que a orixe é sinal de referencia e diferenciación.

Produtos agroalimentarios artesanais

A  Consellería do Medio Rural tamén está representada neste evento gastronómico, que se celebrará ata o vindeiro luns, con 29 produtores artesáns adheridos ao distintivo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, que aproveitan para dar a coñecer as súas elaboracións. Ademais, disporán en torno á súa presenza, unha serie de actividades coas que poñer en valor os seus produtos.

Deste xeito, haberá unha aula de cata da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a promoción específica deste distintivo, onde se desenvolverá un amplo programa de presentacións dos artesáns e degustacións. Tamén se contará coa participación dos chefs Marcos Arufe e Criselda Iglesias, que farán elaboracións culinarias cos produtos artesáns presentes en Etiqueta Negra e outros amparados polos diferentes distintivos de calidade alimentaria. No programa tamén se inclúe para mañá, ás 13,00 horas, no anfiteatro do recinto da feira, unha demostración de cociña denominada Descubre a alma da auténtica Artesanía Alimentaria, dirixida para unhas 80 persoas e conducida polos chefs Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova de Verín; e Xulio Mato, da empresa Culinaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2025