A Xunta eloxia o traballo da delegación da Asociación Española contra o Cancro en Ferrol e analiza novas vías de colaboración coa entidade

Ferrol, 10 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá á sede da delegación da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ferrol onde mantivo unha reunión de traballo coa súa presidenta, Isabel Estevan, para coñecer os proxectos nos que está traballando actualmente a entidade e analizar novas vías de colaboración.

O encontro tamén serviu para facer un balance do éxito de participación da última edición da carreira e andaina solidaria Ferrol en marcha contra o cancro que reuniu onte na cidade naval a máis de 4.500 participantes nas distintas modalidades.

A delegada territorial aproveitou a ocasión para eloxiar o traballo que vén desenvolvendo a delegación local da AECC durante todo o ano a prol dos enfermos de cancro e lembrou a colaboración que o Goberno galego, a través da Consellería de Sanidade, mantén coa asociación para o desenvolvemento de programas de voluntariado na Área Sanitaria de Ferrol coa finalidade de consolidar unha rede estable de apoio e acompañamento ao paciente oncolóxico e á súa familia.

Aneiros incidiu ademais na importancia de estar en permanente contacto co tecido social de Ferrolterra como “a mellor maneira de tomarlle o pulso ás necesidades e demandas do territorio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2025