Medio Rural publica a declaración de utilidade pública da reestruturación parcelaria da parroquia de Retizós, no concello lucense de Baleira

A zona na que se prevé actuar abrangue unha superficie de 775,38 hectáreas, nas cales se contabilizan 1.661 parcelas catastrais de 178 titulares cunha superficie media de 4.500 metros cadrados

A Consellería destinará 16,7 millóns de euros no vindeiro 2026, case 4 máis con respecto a este ano, para seguir impulsando este tipo de instrumentos

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a parcelaria da parroquia de Retizós, no concello lucense de Baleira. A zona na que se prevé actuar abrangue unha superficie de 775,38 hectáreas, nas cales se contabilizan 1.661 parcelas catastrais de 178 titulares cunha superficie media de 4.500 metros cadrados, cifra que se incrementará a través deste proceso co fin de incrementar a rendibilidade dos predios. Esta iniciativa cun orzamento de 1,75 millóns de euros.

Cabe sinalar que esta reestruturación foi impulsada polos propios veciños da zona, que amosaron o seu interese en levar a cabo un proceso destas características na súa parroquia. Unha vez rematada a parcelaria poderá afondarse na mitigación dos efectos do cambio climático mediante a diminución do CO2, debido os menores desprazamentos e técnicas de cultivos con menor impacto. Contribuirase tamén á redución dos incendios forestais, ao crear infraestruturas e recuperar terras que se atopan en estado de abandono ou que son improdutivas, co fin de darlle ao territorio un uso máis rendible.

Dende o 2020 rematáronse 35 concentracións parcelarias, que abarcan unha superficie total de máis de 24.000 hectáreas, beneficiando a máis de 18.000 propietarios que recibiron preto de 40.000 títulos de propiedade. Por outro lado, desde o 2021 decretáronse 29 novas parcelarias en Galicia, que abranguen algo máis de 24.751 hectáreas, 112.133 parcelas de 16.309 titulares. Este ano entregáronse os títulos de Xunqueira de Ambía e Oroso.

No vindeiro 2026, a Consellería do Medio Rural destinará 16,7 millóns de euros, case 4 máis que neste ano, a seguir impulsando as reestruturacións parcelarias. Con estes procesos contribúese a paliar o minifundismo existente na comunidade dende o punto de vista da propiedade, ao mesmo tempo que se incrementa o valor das terras e aumenta a base territorial das explotacións, o que favorece a súa rendibilidade e reduce os custos de produción.

Ligazón ao decreto no DOG:       

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251111/AnuncioG0426-041125-0002_gl.html.

Data de actualización: 11/11/2025