A Xunta impulsa a acreditación de competencias profesionais no naval para recoñecer a experiencia laboral dos traballadores deste sector
A directora xeral de FP participa no CIFP Ferrolterra nunha xornada formativa sobre este procedemento e anima aos distintos sectores e ás empresas a sumarse ao mesmo
Un total de 32 centros de toda Galicia participan neste procedemento para a acreditación da experiencia adquirida polo desempeño laboral en 25 familias
Ferrol, 11 de novembro de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a impulsar o procedemento de acreditación de competencias profesionais a través do cal se certifica a experiencia adquirida polos traballadores na súa traxectoria laboral e anima tanto aos distintos sectores como ás empresas a sumarse a esta acción da que Galicia é pioneira.
Así o salientou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que participou no Centro Integrado de FP Ferrolterra nunha xornada informativa sobre o ARA Empresa, un procedemento áxil e sen custo para os participantes dirixido a traballadores e ás empresas. Neste caso a xornada está centrada nun sector estratéxico da comarca como é o naval. De feito, na sesión participaron arredor de medio centro de firmas do naval, entre empresas matrices e auxiliares.
A representante da Xunta de Galicia salientou a importancia destes procedementos na medida en que benefician aos traballadores e ás empresas ao tempo que se potencia a relación entre os sectores produtivos e os centros de FP. Ademais explicou que, co fin de facilitar o proceso, desde a Administración autonómica dáse a posibilidade de que as acreditacións se fagan de xeito colectivo por empresas e sectores, en lugar de facelo a nivel individual, o que axiliza moito máis os sistema.
No evento, que abriu o director do Ferrolterra, Enrique Pazo, tamén interviron o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro; o presidente da Asociación Clúster do Naval Galego (ACLUNAGA), Manuel Vázquez, e Cibrán Souto, do departamento de Recursos Humanos da empresa Aluminios Cortizo.
Plan FPGal360
O procedemento ARA de Avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, enmarcado nun dos obxectivos do Plan FPGal360, é un procedemento oficial impulsado para recoñecer as competencias que un traballador ten adquiridas a través da experiencia laboral ou da formación non formal. Isto permite que persoas sen titulación oficial poidan acreditar os seus coñecementos e destrezas nun eido profesional concreto obtendo certificados válidos para acceder a formación, emprego ou promoción interna.
En Galicia participan neste proceso un total de 32 centros educativos para recoñecer oficialmente as competencias profesionais en calquera das 25 familias impartidas da comunidade autónoma.