Belén do Campo participa na mesa informativa e de captación de socios de AECC instalada no edificio da Xunta
A Coruña, 12 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta maña, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiu hoxe á mesa informativa que a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) instalou no edificio da Xunta no marco dunha nova campaña de sensibilización e captación de socios, atendida por dous voluntarios ao longo da mañá, para informar aos funcionarios, persoal da delegación e visitantes que acudiron ao edificio para facer trámites. A iniciativa ten como finalidade achegar á cidadanía información actualizada sobre prevención, apoio e atención fronte ao cancro, ao tempo que promove a colaboración social coa entidade. A provincia da Coruña conta con ao redor de 20.000 socios.
Durante a súa visita, a representante autonómica destacou o labor “imprescindible” que a AECC desenvolve en materia de acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias, así como na difusión de mensaxes clave de prevención e hábitos de vida saudables. Subliñou tamén a importancia de que institucións e sociedade se impliquen activamente na loita contra o cancro, un ámbito no que “cada avance e cada apoio marcan a diferenza”.
A mesa informativa está atendida por persoal acreditado da asociación, que ofrece asesoramento personalizado e resolve dúbidas da cidadanía. O único obxectivo é facilitar información e recoller os datos das persoas que desexen colaborar como socias.
A delegada da Xunta agradeceu á AECC o seu compromiso continuado e reiterou a disposición do Goberno galego a seguir cooperando con iniciativas que contribúan a mellorar o benestar da poboación, reforzar a prevención e avanzar na sensibilización fronte ao cancro.