O presidente do Goberno galego asinou un convenio de formación con Amazon Web Services en novas tecnoloxías para a comunidade educativa da FP

Rueda destaca a importancia de dotar ao alumnado galego dunha Formación Profesional innovadora e conectada ao tecido produtivo

Salienta que a alianza con Amazon facilitará que Galicia siga formando profesionais punteiros en áreas de alta demanda

O acordo reforza o liderado da comunidade na FP ao integrala nunha iniciativa presente en máis de 600 institucións educativas en España, incluíndo centros de FP e Universidades

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe a importancia de dotar ao alumnado galego dunha formación profesional innovadora e conectada ao tecido produtivo.

Durante a súa intervención no acto de sinatura dun convenio con Amazon Web Services para formar á comunidade educativa da FP en novas tecnoloxías, Rueda salientou que esta é unha “alianza privilexiada” que encaixa co traballo de Galicia para converterse nun referente en España no eido da Formación Profesional.

Un traballo de anos que, segundo o presidente, dignifica á Formación Profesional, fai que a xente nova vexa que “ten un futuro de posibilidades” e que provoca que haxa “un número cada vez maior de alumnos de FP”, con 71.229 estudantes matriculados neste curso.

O titular do Executivo galego apuntou que o acordo asinado con Amazon reforza a posición de liderado de Galicia na FP ao integrar á comunidade nunha iniciativa presente en máis de 600 institucións educativas en España, incluíndo centros de FP e Universidades.

Neste sentido, Rueda agradeceu a Amazon que poña a disposición de Galicia “o inmenso potencial” dos seus recursos e experiencias. Segundo destacou, esta alianza facilitará que a nosa comunidade siga formando profesionais punteiros en áreas de alta demanda no mercado como a intelixencia artificial, combinado a formación “cunha visión práctica”.

Unha colaboración punteira

O convenio, con vixencia de catro anos prorrogables por outros catro, establece unha colaboración estratéxica baseada no intercambio de coñecemento, a formación e os recursos dixitais. Ademais, está en consonancia co Plan innova FP Galicia, que aposta por unha formación innovadora, conectada co tecido produtivo e orientada á sustentabilidade e empregabilidade.

Acometeranse actuacións para a capacitación do profesorado, alumnado e tamén se participará en eventos e obradoiros sobre computación na nube, intelixencia artificial e ciberseguridade. Ademais, poderán acceder a formación, certificacións e actividades prácticas en tecnoloxías clud de AWS.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2025