A Xunta concede máis de 49.000 euros en axudas a un total de 17 actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en vivendas particulares de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde a un dos beneficiarios destas achegas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Destacou a importancia destas subvencións á hora de implicar á sociedade na aposta polo fermosismo, unha filosofía promovida pola Xunta e que resulta fundamental para a conservación, mellora e posta en valor da paisaxe galega

Ferrol, 12 de novembro de 2025

A Xunta concedeu este ano 49.163 euros en axudas para o desenvolvemento dun total de 17 actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en vivendas particulares de Ferrolterra. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta resolución durante a visita a un dos da convocatoria deste ano de apoios da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que percibiu unha achega de 3.000 euros para o acondicionamento dun muro que serve de cerramento exterior da súa vivenda.

Concretamente, os traballos consistiron na limpeza e posterior revestimento con morteiro dun muro de bloque de formigón que actúa de peche do seu domicilio.

Segundo lembrou a delegada territorial, estas axudas cobren ata o 70% do orzamento subvencionable, ata un máximo de 3.000 euros, e poden destinarse a actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche. Ademais tamén existe a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.

Á convocatoria para persoas físicas súmase a orde de subvencións concedidas a Concellos de menos de 20.000 habitantes das que, no caso da área territorial de Ferrol, se beneficiaron este ano os concellos de San Sadurniño, Valdoviño e Ares cun investimento conxunto de 80.000 euros. O orzamento conxunto de ámbalas dúas convocatorias ascendeu a dous millóns de euros.

Durante a visita, Aneiros destacou a importancia destas subvencións que se convocan por quinto ano consecutivo á hora de implicar á sociedade na aposta polo fermosismo, unha filosofía promovida pola Xunta e que resulta fundamental para a conservación, mellora e posta en valor da paisaxe galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2025