Máis de 1.000 coordinadores de benestar afondan na mellora da convivencia e a inclusión educativa no III Congreso sobre este eido impulsado pola Xunta

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa lembra que a figura do coordinador de benestar está implantada en todos os centros educativos galegos

Subliña que a Xunta reforzou esta figura a través dunha normativa específica pola que se lles blinda unha asignación horaria e se reforza a súa formación específica

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, abriu hoxe o III Congreso de Coordinadores de benestar e convivencia organizado pola Xunta de Galicia e que nesta edición reúne máis dun milleiro de profesionais para afondar en cuestións como a convivencia positiva, a tolerancia e o benestar emocional nas aulas, entre outros.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou que o fortalecemento do bo clima nas aulas é unha prioridade de Goberno fixada na Estratexia galega de convivencia escolar así como no Plan de benestar emocional.

Judith Fernández subliñou a importancia da figura do coordinador de benestar que en Galicia está implantado en todos os centros educativos. Lembrou, ademais, que a Xunta regulou as súas funcións a través dunha orde específica na que se introducen melloras como unha asignación horaria específica para persoa que ostenta este cargo, o reforzo da formación que reciben para mellorar as súas competencias profesionais neste eido e o recoñecemento desta función nos concursos de traslados e orientación.

Durante a xornada interveñen profesionais de distintas áreas para abordar múltiples perspectivas da convivencia e o benestar como a etapa da adolescencia, o papel das emocións na aprendizaxe, a actuación dos centros ante unha situación de violencia ou a importancia do coidado emocional.

Relatores da xornada

Entre os relatores figuran o médico psicoterapeuta especialista en terapia familiar Andrés Ríos, o biólogo e investigador nos campos da psicoloxía cognitiva da memoria e o aprendizaxe Héctor Ruíz, a educadora social especialista en adolescencia Sara Desiré Ruíz, a avogada especializada en violencia contra a infancia e a adolescencia Aída Blanco, a orientadora e docente especialista en diversidade e inclusión Margarita de las Nieves e a psicóloga, escritora e investigadora e experta en educación emocional Begoña Ibarrola.

Data de actualización: 13/11/2025