A Xunta realiza labores de conservación fluvial en 5,5 km de varios ríos no concello da Pobra do Caramiñal

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de dez semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 5,5 quilómetros en varios ríos, no concello da Pobra do Caramiñal.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao concello e que se prolongarán durante arredor de dez semanas, desenvolveranse en máis de 1,5 quilómetros do río Lérez; noutros 1,5 km no Pedras, e en algo máis de 1,4 quilómetros no Xundarama. A maiores tamén se actuará en tramos do rego Romeiras, do Morto e nun innominado ao seu paso por Santa María do Xobre.

Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies exóticas invasoras. Realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un camión e unha carretilla de carga.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Data de actualización: 14/11/2025