Medio Rural apoia a recría de razas autóctonas ameazadas en máis de 200 explotacións con 1.600 animais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas que teñen como obxectivo de apoiar os gandeiros que apostan pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade do rural

A Xunta de Galicia puxo en marcha este ano por primeira vez esta orde de axudas para promover a conservación destas razas de gando bovino e ovino-cabrún ameazadas

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural destinadas á recría de razas autóctonas de gando bovino e ovino-cabrún ameazadas, cun investimento de 369.270 euros. En total, beneficiaranse 207 explotacións con máis de 1.600 animais, dos cales 939 animais recriados de razas bovinas e 677 de razas ovinas e cabrúas.

Os obxectivos que se perseguen con esta novidosa convocatoria de axudas son, en primeiro lugar, a explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade. En segundo termo, a preservación da diversidade xenética destas razas. En terceiro lugar, a sustentabilidade agrogandeira e a redución do impacto ambiental mediante a promoción de sistemas de cría extensivos e adaptados á contorna. Tamén se procura a mellora da economía do rural a través da calidade e a diferenciación dos seus produtos, así como a conservación do valor cultural e patrimonial destas razas.

As contías poden chegar a un importe máximo por explotación de 15.000 euros, sendo o tope por animal de 350 euros no caso dos bovinos e de 60 no ovino e cabrún. De feito, para os titulares de granxas de gando vacún aprobáronse axudas por valor de 328.650 euros e para os de ovino e cabrún por 40.620 euros.

Esta nova medida vén complementar outras accións que impulsa a Consellería para apoiar as razas autóctonas, como son os convenios de colaboración coas asociacións de criadores. Este ano asináronse seis novos convenios con outras tantas entidades e asociacións de criadores de razas autóctonas gandeiras de Galicia por importe superior aos 2,5 millóns de euros ata o 2027.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251114/AnuncioG0426-061125-0001_gl.html

Data de actualización: 14/11/2025